Moeche convértese na capital do queixo artesán

Este ano o evento amplíase a dous días para acoller a I Feira de Queixarías Artesás QueRed, organizada en colaboración coa rede estatal que engloba a máis de 300 pequenas produtoras e empresas relacionadas co mundo do queixo.

O Concello de Moeche ten practicamente listo o programa da VI Feira do Queixo, que se celebrará os sábado 16 e o domingo 17 de marzo co obxectivo de poñer en valor este produto e reivindicar o papel do sector leiteiro.

Máis de 40 queixarías mostraron interese en acudir á feira que se celebrará en Moeche, reunindo nun mesmo espazo firmas locais e galegas con outras chegadas de distintos puntos de España. O Concello publicou as bases de participación e abriu o prazo de inscrición, que poderá formalizarse até o 27 de febreiro a través da Sede Electrónica municipal.

sábado 16 de marzo dedicarase a actividades sectoriais, como encontros profesionais, accións formativas e presentación tanto da rede como das queixarías integradas en QueRed como entidade enfocada no apoio aos pequenos obradoiros que apostan pola diferenciación e a calidade.

Tamén se ofrecerán degustacións e haberá actuacións musicais que ambienten e animen ao mesmo tempo o primeiro día da feira. É importante reseñar que nesta primeira xornada non haberá venda ao público.

domingo 17 de marzo, día grande da VI Feira do Queixo e da I Feira de Queixarías Artesás QueRed, o recinto abrirá ás 10:00h para ofrecerlle propostas a todos os públicos: actividades para a rapazada, showcookings, catas, máis música, postos de artesanía e agroalimentarios e, por suposto «a oportunidade de probar e mercar unha grande variedade de queixos procedentes de todas as partes do Estado» avanza a alcaldesa, Beatriz Bascoy

Ademais, como vén sendo habitual nas feiras do queixo, tamén haberá servizo discrecional do Tren do Queixo con saída e regreso á estación de Ferrol e visitas programadas ao castelo.

A organización da feira supón un reto loxístico para o Concello de Moeche, quen conta coa colaboración da Rede Española de Queixarías de Campo e Artesás xunto cunha achega económica da Deputación da Coruña, así como a axuda doutras entidades.

«O Concello  está traballando man a man coa QueRed, a quen xa lle facilitou unha relación de hospedaxes, tanto do concello de Moeche como limítrofes e da comarca para o aloxamento dos produtores e produtoras que participarán na feira. Ao longo destes últimos meses tamén procuramos apoio loxístico e económico para o desenvolvemento deste encontro estatal que supón unha grande oportunidade para o concello e para dar a coñecer tamén fóra os queixos que se fan aquí», explica a rexedora.

O prazo de inscrición para os postos que desexen acudir á VI Feira do Queixo de Moeche – I Feira de Queixarías Artesás QueRed permanecerá aberto ata o día 27 de febreiro. A folla de solicitude e as bases de participación poden descargarse nas seguintes ligazóns:

Bases Feira do Queixo (galego)
Bases Feira do Queixo (castellano)
Solicitude (gal/cas)

Lea también

A Deputación aproba orzamentos de 240M€ cun “investimento récord” nos concellos

A Deputación da Coruña celebrou unha sesión plenaria extraordinaria na que se aprobaron dous importantes …