Presentación da novela «Cinza» no IES de Fene

O ilustrador e editor de Demo Editorial, Manel Cráneo, e o escritor Xavier Alcalá, mantiveron un encontro o venres co alumnado de 1º de bacharelato do IES de Fene para presentar Cinza, novela gráfica inspirada na obra de Alcalá A nosa cinza.

Como xordiu o proxecto, como afrontou Manel Cráneo a adaptación da obra, a elaboración do guión, o estilo, o debuxo… foron algúns dos aspectos debullados polos dous autores aos que introduciu o director do centro, Xoan Vázquez.

O acto, organizado pola concellería de Cultura de Fene, contou coa asistencia do alcalde de Fene, Juventino Trigo, e terá continuidade o vindeiro 15 de marzo cunha presentación na Casa da Cultura aberta ao público en xeral.

Cinza é a adapatación de Manel Cráneo da novela A nosa cinza, de Xavier Alcalá, con máis de 80.000 exemplares vendidos. Conta a vida de Xoán, un rapaz criado durante a dictadura franquista, orfo de nai, fillo de médico, de familia galeguista.

Durante dez cursos escolares na cidade, con vacacións na aldea, que se vai convertendo nun lugar de moda para o veraneo, vemos a Xoán medrar no duro contexto do seu tempo. Os anos de escola e instituto marcan a transición do neno inocente ao mozo que se ha de enfrontar aos designios da vida para cortar o cordón umbilical coa súa familia.

Cinza é unha obra universal e intemporal chea de referencias polos temas que a vertebran: a morte, o sexo, a amizade, os excesos da relixión e a dureza dun réxime totalitario. A morte asalta o protagonista desde cativo; o sexo xórdelle como premio inalcanzable; a amizade corre parella a unha violencia que ensombrece a vida do neno e do adolescente; o fundamentalismo relixioso acosa, abafa os sentimentos; imponse a Formación do Espiríto Nacional Católico empeñado en agochar o galeguismo.

Lea también

Nace la «Asociación de Amigos do Museo da Cidade de Ferrol» con el objetivo de impulsar su creación

La presidenta de la recién creada ‘Asociación de Amigos do Museo da Cidade de Ferrol’, …