Lenda de como foron salgadas as augas do esteiro do Eume

José Fonte Sardiña

O 30 de decembro de 1270, o rei Afonso X o Sabio (1252-1284) asina en Guadalajara un privilexio polo que invita aos habitantes das terras de Pruzos e Bezoucos, que aínda hoxe nomean os dous arciprestados que o río Eume separa, a poboar o lugar que chamaban Pontedeume e fundar alí unha vila que puxo baixo a súa xurisdición e protección. Permitíalles pescar libremente polo mar e eximíaos de pagaren portádego nin dereitos ningúns de todo canto pescaren cos seus barcos na vila e no seu alfoz.
Ademais, concedíalles faceren un día de mercado cada mes e garantíalles seguridade aos que alí viñeren, como acontecía nos outros mercados do reino. Tamén lles outorgou o foro de Benavente polo que seren xulgados (Pontedeume e o mar no lenzo de Abelardo Miguel, o Pintor de Mariñeiros).

O impulso que isto supuxo para a pesca e o comercio en Pontedeume foi grande, aínda que tamén trouxo perigos de fóra. É de ver que xa en 1284, só catorce anos despois do privilexio, a nova vila contaba cun valado con portas de acceso e unha fortaleza que constituían a súa primeira estrutura defensiva, especialmente para facerlles fronte aos ataques de embarcacións invasoras ou mesmo piratas que entraban na ría polo golfo Ártabro. Case un século despois, Fernán Pérez de Andrade, o primeiro señor da vila, mandou construír na Pena Leboreira de Nogueirosa un castelo, comezado en 1369 e rematado en 1377, para completar estas funcións defensivas (A ría de Ares desde o
Castelo de Andrade no lenzo de Abelardo Miguel).

Un dos homes máis aventureiros da nova vila mercou un barco e decidiu probar fortuna fóra de Pontedeume e prometeulle á súa noiva, que era considerada por todos a rapaza máis garrida da vila, que pronto volvería con cartos e que casarían, como os dous desexaban (O barco da aventura, no debuxo de Sandra Sarmiento Viña).

Na súa viaxe chegou un día, case co solpor, á illa do Sal e, cando bicou o seu branco xabre, comprobou que era moi saboroso. Encheu o seu barco desa salgada area, foina vender polo mundo e fíxose rico co seu comercio (A illa do Sal no debuxo de Sandra Sarmiento Viña).

Cando volveu a Pontedeume, mandou construír alí unha luxosa vivenda e casou coa súa noiva. Así e todo, pouco despois do casamento, o home volveu marchar no seu barco para continuar a súa actividade comercial e a súa muller quedou na fermosa casa matrimonial, só acompañada por unha irmá que foi vivir onda ela e dúas rapazas novas que se ocupaban dos traballos do fogar (Pontedeume no debuxo de Sandra Sarmiento Viña).

As cousas ían ben por Pontedeume ata que morreu o bo fidalgo que Afonso X nomeara como responsable do coidado da vila e o monarca tivo que designar un substituto. Non acertou esta vez o Sabio soberano na súa decisión e escolleu un déspota que foi vivir á fortaleza defensiva levantada no lugar onde hoxe se atopa o Torreón dos Andrade.
Aquel tirano tiña unha grande envexa da persoa que se convertera no home máis rico da vila e no esposo da moza máis belida (A muller que agarda polo seu home mirando o mar no debuxo de Sandra Sarmiento Viña).

Así pois, unha noite, aproveitando a ausencia do marido, o tirano decidiu secuestrar a rapaza na súa torre, onde a encarcerou nunha cela, para a aldraxar. A refulxente lúa desa noite foi borrada, de socato, por unha tempestade que provocou unhas insólitas e feras ondas, que derrubaron a estanza da fortaleza onde se atopaba o fidalgo antes de consumar aquela afronta e que lle causaron a morte (A lúa e a fereza do mar nos debuxos de Sandra Sarmiento Viña).

Cando regresou o home a Pontedeume un mes despois e lle contaron como fora liberada a súa querida muller, decidiu, a xeito de recompensa, verter todo o sal que quedaba na súa illa naquelas augas do esteiro e mais o porto eumés, que salvaran a súa esposa, pois
aínda eran doces, para que tivesen mellor sabor, por iso hoxe son salgadas (As augas salgadas do Eume no seu abrazo coa ría de Ares no debuxo de Sandra Sarmiento Viña).

Ademais, quixo quedar xa sempre na vila para coidar persoalmente da fermosa moza que tanto amaba e gozar así da súa compaña e da criatura que ela levaba nas entrañas (A praza da Calzada de Pontedeume cando aínda era terreira no debuxo de Sandra Sarmiento Viña).

O desconsolado e furioso rei Afonso X o Sabio, pola súa parte, buscou un novo fidalgo da súa total confianza para encargarlle o coidado da vila e asegurouse ben de que esta vez exercese as funcións que lle encomendaba con eficacia e xustiza.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …