Tres recoñecidos profesionais do mundo da hostalería, Javier Rodríguez, “Taky”, do Grupo Nove, Samuel Pérez, docente do CIFP Fraga do Eume e Marco Soriano, xornalista gastronómico, reuníronse onte no Centro municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, para outorgar o premio á mellor elaboración do “IX Concurso de tapas de Entroido” organizado polo Concello.
Representantes de trece dos catorce establecementos participantes no certamen, excepto Nuevo Tapeo, levaron as súas propostas gastronómicas na tarde de onte para optar ao premio que concedeu o xurado.
A edil de Promoción Económica, Olga Ameneiro, agradeceu a colaboración dos tres integrantes do xurado e especialmente a dos catorce establecementos participantes nesta edición do certame.
O Tapeo, o bar A Toxiña, o mesón Con Arte, Nueva Orleáns, cervexaría Australian, Casa Sindo, El Olivo cocina bar, Fame Kanalla, Confeitura, Silver, bar Tauro, hotel A Roldana, El Colonial e Mamá Flora foron os establecementos que dende o 8 deste mes ata onte serviron as diferentes elaboracións.
Finalmente, o xurado decidiu conceder o premio á mellor tapa á presentada por Fame Kanalla, unha tosta de arroz uruchimai con pesto de grelos e os elementos do cocido rematado cunha orella doce.
“Sempre me comes a orella” é o nome desta tapa, premiada onte polo xurado con 500 euros. “Valoramos os criterios establecidos, a presentación, o sabor, o aroma, a técnica, a elaboración e o emprego de produtos de tempada e ao final tivemos que desempatar entre dúas opcións”, aseguraron, destacando o “bo nivel das elaboracións presentadas”.
Así mesmo, apuntaron que “como o cocido ten un sabor potente que prevalece, deixamos seleccionados aquelas tapas cun sabor distinto e máis traballadas en canto á técnica e elaboración”. Procedeuse a realizar o sorteo do premio concedido pola clientela á mellor tapa, que recaeu tamén no establecemento Fame Kanalla, que recibirá outros 300 euros.
A maiores, o concurso contemplaba entre os seus premios tres ceas, valoradas en 100 euros cada unha, para dúas persoas, nun dos establecementos participantes, que gañaron tralo pertinente sorteo, realizado cunha aplicación que elixiu ao azar aos gañadores de entre as persoas que emitiron os 844 votos rexistrados na mesma. Miguel Fidalgo, Clara Caínzos e Alba Cabezón resultaron agraciados coas ceas, que poderán desfrutar, dacordo co local elixido, con data tope ata o 15 de marzo deste ano.
“Un ano máis, grazas á implicación do sector e ao apoio da clientela, o concurso foi todo un éxito e permitiunos desfrutar de grandes elaboracións con produtos de calidade e propostas moi variadas” destacou a edil. Ameneiro recordou que o acto de entrega dos diferentes premios, tamén á participación para todos os establecementos, terá lugar o vindeiro venres, día 23, no Concello