A Fusquenlla iniciará un curso para capacitación de produtores que queiran usar as súas instalacións

O Centro de apoio ao medio rural A Fusquenlla, integrado na rede de espazos coworking da Deputación da Coruña, está preparando unha nova acción formativa para capacitar ós produtores da comarca tanto no manexo do equipamento como nas técnicas de transformación e envasado alimentario.

Será o cuarto curso deste tipo que se ofreza nas instalacións, co obxectivo de seguir ampliando a base social dun proxecto co que se busca dinamizar a economía da zona apostando polos produtos de proximidade, da máxima calidade e con todas as garantías sanitarias.

Para esta primeiro curso de 2024 botarase man do listado de agarda das solicitudes rexistradas até o momento a través do formulario da web afusquenlla.gal

A Fusquenlla ofrece ao longo do ano cursos de capacitación técnica obrigatoria para aquelas persoas que queiran utilizar o centro, que non está limitado unicamente á veciñanza dos catro concellos promotores e dos que acaban de sumarse ao proxecto, senón que está aberto a calquera persoa interesada.  

Neste sentido, o formulario de inscrición recolle permanentemente solicitudes ás que se lles vai dando saída por orde de petición a medida que se van convocando accións formativas, cun cupo de entre 15 e 20 persoas.

Na asignación das prazas dáselles prioridade a aquelas persoas que contan con REAGA e que se dedican profesionalmente á produción e a comercialización, de cara a que poidan ampliar e diversificar a súa actividade. 

Trátase de cursos gratuitos de 28 horas de duración con contidos teóricos e prácticos que abordan principalmente a hixiene e manipulación de alimentos e as técnicas de conservación, ademais do manexo con seguridade de todo o equipamento co que contan as instalacións. 

O próximo que hai programado comezará o 15 de marzo e finalizará o 19 de abril, distribuido en sete xornadas de catro horas de duración. Para facilitar a asistencia, as sesións desenvolveranse os venres pola tarde e sábados pola mañá cos seguintes horarios e lugares de impartición:

 Xornada

 Data

 Horario

 Lugar

 1

 Venres 15 de marzo  16:00 a 20:00h  Casa da Xuventude de San Sadurniño

 2

 Sábado 16 de marzo  9:30 a 13:30h  Casa da Xuventude de San Sadurniño

 3

 Venres 22 de marzo  16:00 a 20:00h  Casa da Xuventude de San Sadurniño

 4

 Venres 5 de abril  16:00 a 20:00h  Centro A Fusquenlla – Moeche

 5

 Sábado 6 de abril  9:30 a 13:30h  Centro A Fusquenlla – Moeche

 6

 Venres 12 de abril  16:00 a 20:00h  Centro A Fusquenlla – Moeche

 7

 Venres 19 de abril 16:00 a 20:00h  Centro A Fusquenlla – Moeche

O temario inclúe no seu primeiro módulo todo o referido a hixiene, prevención de contaminacións e intoxicacións, prácticas de manipulación, hixiene, control de pragas, técnicas de conservación, rexistros sanitarios, etiquetado, etc.

Nos módulos 2, 3 e 4 veranse, respectivamente, a prevención de riscos laborais, o manexo e limpeza de maquinaria e o cálculo de custes de produción fixos, ademais da levanza de rexistros. O último módulo estará máis centrado na práctica de elaboracións básicas de produtos hortofrutícolas. O curso rematará cun pequeno exame de avaliación dos coñecementos adquiridos.

A pesar de que o curso xa ten cuberto o cupo de participantes, desde o proxecto A Fusquenlla insístese en que calquera persoa que desexe participar en próximas convocatorias debe inscribirse na lista de agarda a través deste formulario de Google Drive.

A seguinte acción formativa que se levará a cabo terá unha duración de cinco horas e dirixirase á capacitación básica de persoas acompañantes que lles vaian axudar ós produtores principais que xa teñan superado o curso de 28 horas.

Lea también

Ares comeza co Nadal iluminando os mellores desexos da veciñanza

A concellaría de Cultura presentou un ano máis o simbólico acto que dá inicio ao …