Cedeira viviu o desfile de Entroido con máis participación dos últimos anos

A adversa meteoroloxía destes días non puido coas ganas de troula dos cedeireses que o pasado sábado celebraron o desfile de Entroido de máis participación dos últimos anos. Pese a que houbo algunhas baixas respecto ao número de inscricións e a que foi preciso acurtar o percorrido cando comezou a chover, preto de duascentas persoas participaron na comitiva e nas diferentes categorías do concurso e a verbena nocturna propiciou que a xente quedase na vila ata tarde, animando as rúas e os establecementos de hostalería.

A comparsa dos Ratos Costureiros gañou o primeiro premio na súa categoría, na que houbo tamén un segundo premio para Sissiiii Cedeira e Dancing Black Swans do Condomiñas. Na sección de grupos, os tres premios foron para Sanrio, Cantantes dos 80/90 e A Máquina do Misterio.

Os terceiros premios das categorías de invidividual e parellas quedaron desertos, pero os dous primeiros foron, respectivamente, para o disfrace de Mércores e o de Animadora, e para Pequenas bolboretas e O Flow dos Crocodilos. En canto aos premios especiais de carrozas e asociaicións, o primeiro foi para os Ratos Costureiros e o segundo para Apader. Cómpre recordar que o Concello elevou este ano o número de premios e a súa dotación, algo que efectivamente contribuiu a elevar a participación.

Desde o goberno local destacan tamén o éxito dos obradoiros que se desenvolveron onte, nos que se propuxeron xogos moi dinámicos que divertiron ao público infantil. Esta tarde continúan as actividades cun espectáculo a cargo dos Jalochos. Será na praza Roxa, ás 17.30h, e a actuación consistirá nun concerto participativo, con percursión corporal e baile, no que as crianzas coñecerán lendas e personaxes tradicionais.

O martes 13, a festa de Entroido de Cedeira desplazarase ao Polideportivo Municipal. Alí, a partir das 17.00 horas haberá inchables e obradoiros nos que poderán xogar de balde os nenos

O programa de Entroido finalizará o mércores 14 co tradicional enterro da sardiña. A praza da Marieta, ás 18.00 horas, será o punto de encontro para comezar os actos funerarios, nos que moitos veciños e veciñas adoitan participar gardando rigoroso loito. O cortexo fúnebre realizará un percorrido polo casco urbano da vila que rematará na praza Roxa, onde terá lugar un breve acto para despedir á sardiña e clausurar o Entroido.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …