Continúan os cambios e as remodelacións de calado na estructura interna da Federación Galega de Atletismo.
Desde a chegada de Iván Sanmartín á presidencia, fai algo máis dun ano, tense producido unha progresiva reestructuración no organigrama funcional federativo que ao longo de varias etapas, iría perfilando o novo equipo de traballo co que desexa contar Sanmartín para esta singladura.
Primeiramente os cambios centráronse nas distintas delegacións que foron incorpororando caras novas da man de David Posada en Vigo, Pablo Gandoy en Lugo ou a de José Manuel Ruíz en Santiago e que continuará ca designación en breve do novo delegado en Ourense.
A maiores en marzo do ano pasado, David Ferrer pasou a ocupar un dos cargos importantes do funcionamento federativo como é o de Director Técnico, coñecéndose esta mesma semana, o nomeamento de Yolanda González como nova Secretaria Xeral.
Perfil xestor e organizativo
Yolanda González (A Coruña, 1973) incorporouse á FGA en calidade de tesoureira no ano 2010 posto que veu desempeñando xunto a outras distintas funcións organizativas.
Moi vencellada ao atletismo desde moi nova en calidade de atleta, adestradora, directiva e xuíza, chegou a acumular durante todos estes anos unha ampla experiencia e unha gran visión global das necesidades e prioridades do atletismo galego que foron determinantes na súa designación.
Para a xa nova Secretaria Xeral, “É para min un gran reto asumir esta nova tarefa que encaro con moita ilusión e unha gran responsabilidade. Desde a Federación seguiremos traballando e aportando todo o mellor de cada un de nós para continuar avanzando e colocando ao noso atletismo como referente e modelo do deporte galego”
Recoñecemento
Desde a Federación quérese recoñecer e agradecer o traballo desenvolto durante estes anos por Carlos Castro tanto na Secretaría Xeral como na Dirección técnica salientando a gran xestión levada a cabo durante os difíciles tempos de pandemia así como a transición do periodo presidencial producido entre Isidoro Hornillos e Iván Sanmartín.
As súas funcións seguirán ligadas e centradas na Federación en calidade de Director de Carreiras Galegas.
Outros cambios
De igual modo durante este último ano, tamén se produciron diversos cambios como foi o regreso de Eloy Bretal á Presidencia do Comité Galego de Xuíces, sendo a parcela técnica a que máis variaba cas incorporacións dos responsables José Carlos Tuñas na área de velocidade e Seleccións autonómicas; Maika Jueguen no sector marcha; Frank Casañas no sector de lanzamentos e Iván Sangiao quen se responsabilizaba do sector de Trail Running.