Cerdido prepara un concurso de mecos e outro de disfraces no Entroido

O Concello de Cerdido organiza dous concursos para animar os días de Entroido. Por primeira vez, levará a cabo un Concurso de Mecos, e ademais, celebrará o tradicional Concurso de Disfraces.

Para participar no Concurso de Mecos é necesario que sexan de elaboración propia, que poida ser observado desde a vía pública. As persoas que desexen participar deberán inscribirse nas oficinas municipais, na sede electrónica do Concello ou enviando un correo electrónico a cultura@cerdido.es

A data definitiva para presentar as inscricións será o vindeiro 12 de febreiro, e os resultados das votacións publicaranse o martes 20 de febreiro na páxina web e nas redes sociais do Concello de Cerdido.

A votación será de carácter popular, podendo participar a través de Facebook, Whatsapp e de xeito presencial. A través do Facebook, dando “Me gusta” ou “Me encanta” na publicación; en Whatsapp enviando unha mensaxe co meco indicado e presencial na urna habilitada nas oficinas municipais.

Segundo apunta a concelleira de Cultura, Amalia Díaz, “pensamos en realizar este concurso de mecos porque desde hai uns anos, a través dunha iniciativa veciñal, moitas das casas do noso municipio están decoradas con estes adornos, e consideramos que era boa iniciativa para dinamizar o Entroido no Concello”.

Continúa a tradición co Concurso de Disfraces de Entroido

No Concurso de Disfraces de Entroido pode participar calquera persoa disfrazada que asista á festa de Entroido que organiza o Concello de Cerdido o sábado 10 de febreiro, no pavillón municipal, a partir das 17 horas.

Durante a tarde haberá música, bo ambiente e moita diversión.

Poden participar de xeito individual ou formando parte dun grupo, xa que hai categoría Infantil (menores de 16 anos) e Adulto (maiores de 16 anos), nas que haberá premios para o mellor disfrace. O xurado estará presidido polo alcalde, xunto con dúas persoas máis.

O alcalde de Cerdido, Alberto Rey, quere “animar a todo o mundo, veciñanza e visitantes, a gozar do Entroido no municipio e a participar nos concursos impulsados desde a entidade local, para animar o máximo posible o Concello durante estas datas”.

Lea también

Rapaces do CPI As Mirandas, Ares, indagan na construción dunha sociedade máis igualitaria

Ao longo do mes de novembro, como parte das programacións polo 25N en Ares, estudantado …