A experiencia da Fusquenlla dáse a coñecer no Encontro de Obradoiros compartidos

O albergue de ecoturismo Alvarella, situado en Vilarmaior, acolleu durante o venres 2 e  sábado 3 o encontro profesional organizado polo Sindicato Labrego Galego para mostrar distintas experiencias de traballo compartido coas que fomentar a reactivación produtiva do rural.

O programa abordou cuestións tan diversas como a importancia socioeconómica dos obradoiros que se están poñendo en marcha, como é o caso do centro colaborativo A Fusquenlla, os aspectos sanitarios e fiscais ou incluso os modelos organizativos que mellor resultado poden dar para o seu funcionamento, vendo para iso exemplos de espazos pertencentes á Rede Coworking da Deputación da Coruña e doutros puntos do Estado.

A primeira xornada do encontro arrancou cunha mesa na que interviron Xosé María García, gandeiro de San Sadurniño e membro da executiva nacional do SLG, Pilar Martínez, responsable de programas e de alimentación sostible da Fundación Carasso, Raquel Clemente da cooperativa Germinando, de Madrid, a técnica da Deputación da Coruña Sofía Sanesteban, encargada de xestionar proxectos do Plan de Emprego Local, e, completando o panel, o concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, en representación dos municipios promotores da Fusquenlla.

O tema principal do inicio do foro foi analizar a importancia estratéxica dos centros de traballo compartidos, a partir dos cales é posible volver artellar tanto unha produción de calidade e sostible como un comercio que atenda mercados próximos. Acurtar circuitos e fomentar economías locais, en definitiva, que cumpran ademais a función de termar do rural como un medio vivo.

Canda estes temas que encadraron as xornadas, o encontro tamén abordou as implicacións sanitarias e fiscais de participar nun obradoiro colectivo, neste caso da man de Luis Couto, xefe de zona dos Servizos veterinarios de Saúde Pública da Xunta, e de Óscar Lugrís, especialista en fiscalidade de Servizos Agrarios e Contables.

Xa pola tarde coñecéronse as experiencias do Obradoiro de transformación Alimentaria de Jaca vinculado co Viveiro de empresas agroalimentarias Adecuara, así como a do espazo compartido da asociación VallaEcolid, que integra produción, elaboración e comercialización ecolóxica en Valladolid.

Durante o sábado a actividade enfocouse no traballo que se está desenvolvendo a través das iniciativas de apoio ao medio rural Daquí Darredor, no concello coruñés de Brión, e na Fusquenlla, ambas integradas na Rede de Espazos Coworking da Deputación da Coruña e cunha filosofía de traballo moi similar.
 
De feito, nos dous casos puxéronse en marcha centros de transformación agroalimentaria dos que saen todo tipo de elaboracións de horta e froita, de modo que «cada vez están cobrando maior importancia como tractores económicos e de desenvolvemento», tal e como apunta Manolo Varela.
 
O edil engade que o encontro celebrado esta fin de semana en Vilarmaior «serviunos para volver confirmar unha vez máis que apostar polo próximo é o camiño, Coa Fusquenlla, que aínda está botando a andar, estamos avanzando na dirección correcta»

Lea también

Neda recibe la visita de la Oficina Móvil de Atención al Peregrino

El alcalde subraya la utilidad de este servicio de la Guardia Civil para optimizar la …