Narón destina 463.500€ a accións formativas dirixidas a desempregados

O Concello de Narón destinará un total de 463.557 euros a varias accións formativas que se impartirán este ano na cidade e dirixidas a persoas desempregadas.

Así o indicou a concelleira de Formación, Natalia Hermida, que explicou que a maiores da decena de cursos do programa municipal, financiado íntegramente con fondos propios do Concello, se convocarán outros seis cursos con certificado de profesionalidade concedidos ao Consistorio.

As accións formativas desenvolveranse nas instalacións do Centro municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara.

A través do programa municipal de Formación levaranse a cabo cursos de: Mantemento de vivendas (albanelería, pintura, pladur e electricidade); Reposición, caixa e atención sección supermercados; Limpeza hoteleira e residencial; Operador carretilleiro e de plataformas elevadoras- PEMP con certificación UNE (tres edicións); Prevención de Riscos Laborais básico, Medio ambiente no sector naval con PRL Naval e Prevención de riscos laborais de traballos en alturas e espazos confinados; Operador de guindastre de taller: ponte guindastre, pórtico e semipórtico; Xestión de almacén e loxística; Permisos de conducción C (camión) + E (tráiler) co CAP de mercadorías; Permiso de conducción D (autobús) co CAP de viaxeiros e Peixería.

“Estas accións formativas diríxense a persoas desempregadas, maiores de 18 anos e empadroadas en Narón, que terán prioridade á hora de realizalas”, recalcou Hermida.

En canto aos certificados de profesionalidade, as accións formativas serán as de: Atención Sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (dúas edicións); Soldadura con electrodo revestido e TIG; Soldadura oxigás e soldadura MIG/MAG; Traballos de carpintería e moble; Emprego doméstico e Xestión de residuos urbanos e industriais.

Neste caso, tal e como indicou a concelleira de Formación, “os cursos diríxense tamén a persoas desempregadas, pero non exclusivamente de Narón, podendo optar aos mesmos, a través das súas respectivas Oficinas de emprego, as persoas que estean interesadas, independentemente de onde estean empadroadas”.

Hermida destacou que “con cargo a estas dúas modalidades impartiranse algo máis de 5.600 horas de formación, podendo acudir aos cursos un total de 252 alumnos, o que supón unha gran oportunidade para mellorar a súa formación e tamén as súas opcións para acceder ao mercado laboral”.

Moitos deses cursos terán unha parte práctica nas empresas do sector que colaboren co Concello no proceso formativo. A concelleira naronesa agradeceu esa colaboración das empresas “que resulta fundamental na formación das persoas desempregadas”.

“Estes cursos son unha gran oportunidade en sectores cunha importante demanda de profesionais, polo tanto, esta formación programada e deseñada polo Concello responde ás necesidades das empresas co fin de acadar os mellores resultados de empregabilidade e conseguir así que a nosa economía medre”.

Lea también

Narón celebra unha charla sobre o coidado da saúde mental

A concelleira de Benestar Social e Igualdade de Narón, María Lorenzo, anunciou a próxima celebración, …