O Entroido de Narón celebrarase cun festival de comparsas e un concurso de disfraces infantil e para persoas adultas o vindeiro día 10 na pista polideportiva da Solaina.
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou que este ano participarán no Festival de Comparsas un total de dez agrupacións. As formacións naronesas Tróupele, Tróupele, Os Parrandolos, As xoaniñas de Chao, Os Argalleiros e A Semente de Trasancos, subiranse ao escenario do certame xunto con Vide vindo, Os Colludos, CayeBorroka, A Canteira e A Revolta, procedentes dos concellos de Ferrol e Neda.
As comparsas concentraranse ás 16:30 horas no pavillón da Mocidade, na Gándara, para iniciar ás 17:00 horas un pasarrúas que as levará pola rúa Rafael Bárez, a estrada de Castela, a avenida de Santa Icía e, a continuación, a avenida da Solaina.
Unha vez alí reunidas, ás 18:00 horas, dará comezo o tradicional festival de comparsas, no que participarán todas as agrupacións inscritas, baixo unha gran carpa ubicada na pista polideportiva da Solaina. Integrantes das formacións Teatro Ghazafelhos presentarán o acto, no que as comparsas terán un tempo máximo de dez minutos para interpretar o seu repertorio, con temas centrados na crítica de todo o que nos trouxo o pasado ano.
Un xurado integrado por persoas de relevancia do mundo asociativo, da comunicación, da cultura tradicional e do Padroado da Cultura será o encargado de valorar a cada comparsa trala actuación. A orixinalidade dos disfraces, o enxeño da crítica feita na actuación, a calidade musical e o que cada actuación supoña de recuperación do Entroido en Galicia son os aspectos que se puntuarán á hora de determinar os tres premios deste certame, que consistirán nunha figura conmemorativa do Día do Entroido.
Un ano máis, ese mesmo día na carpa haberá un concurso de disfraces, con premios para as categorías individual, parella e grupos (dun máximo de seis persoas) na modalidade infantil e na de adultos.
As persoas interesadas en participar terán que anotarse ese mesmo día nun espazo habilitado para tal fin xunto ao escenario no que actuarán as comparsas.
As comparsas de Narón recibirán unha axuda económica de 800 euros, se ben a contía será de 400 euros para as procedentes doutras localidades, tal e como se contempla nas bases deste certame. A maiores, todas as comparsas de Narón deberán realizar unha actuación na súa parroquia e outra en calquera outra do termo municipal, con percorrido no caso de ser posible, nos días posteriores á celebración do festival de comparsas.
Ferreiro animou ós veciños a achegarse o sábado a ver o certame da Solaina e participar no concurso de disfraces e tamén a ver o pasarrúas por algunhas das principais rúas de Narón. “O Entroido é unha das celebracións con maior tradición popular e arraigo en moitos concellos de Galicia e en Narón continuamos tamén apostando por esta celebración, cunha completa xornada na Solaina con propostas para persoas de todas as idades”, recalcou a alcaldesa.