Conclúe en Ares a primeira fase da campaña municipal de compostaxe

O Concello de Ares vén de concluír a primeira fase da campaña municipal de compostaxe promovida pola área de Medioambiente coa distribución de 44 composteiros individuais entre os fogares que se sumaron á iniciativa, formalizando as entregas en dúas quendas durante estes meses de decembro e xaneiro xa pasados.

A concelleira de Medioambiente, Lucía Blanco, entregou á veciñanza o kit de compostaxe, que consta do propio composteiro de 400 litros, un aireador, unha reixa antirroedores para a base e un manual informativo para cada vivenda; todos os materiais necesarios, en esencia, para transformar os residuos orgánicos en compost, un fertilizante aplicable en xardíns, hortas e campos de cultivo, moi rico en nutrientes e útil na aireación e drenaxe dos chans.

“Cos composteiros axudamos a instalar hábitos de reciclaxe entre os e as aresáns, pero sobre todo logramos que pouco a pouco a veciñanza se implique e avance no coidado do medioambiente”, resaltou Lucía Blanco, aproveitando a conclusión da primeira fase da campaña. A compostaxe doméstica, amais da maior involucración dos veciños, tamén supón unha disminución da contaminación ambiental, ao reducir o transporte de longas distancias para o tratamento dos residuos.

Segunda fase: Asesoramento personalizado e resolución de dúbidas

A concelleira de Medioambiente tamén detallou os seguintes pasos que se darán na campaña municipal de compostaxe: “teremos unha segunda fase de asesoramento personalizado con visitas de técnicos composteiros aos fogares. A veciñanza poderá trasladar as súas dúbidas, solventalas e tamén coñecer boas prácticas para a compostaxe doméstica directamente dos expertos”.

“É esencial que o Concello contribúa a achegar coñecemento de calidade para mellorar os nosos hábitos de reciclaxe, dando máis valor aos biorresiduos. Por iso continuamos con esta fase máis formativa”, salientou Lucía Blanco.

O equipo técnico que se achegue aos fogares tamén se encargará de avaliar a elaboración do compost e remitir ao Concello a información que garante o seguimento da campaña municipal.

Dúas  áreas de compostaxe comunitarias como peche do proxecto

A iniciativa de compostaxe municipal terá unha última fase que irá máis aló dos fogares; ampliarase o rango de actuación coa materialización de dúas áreas de compostaxe comunitarias en puntos estratéxicos da localidade, especificamente en áreas urbanizadas, para que a campaña impacte polo menos a 55 familias máis no programa.

Toda esta iniciativa do Concello de Ares conta co respaldo económico da Consellería de Medio Ambiente a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado cos fondos europeos Next Generation.

Lea también

Detenidos dos empleados de una empresa de San Sadurniño por robar 30 piezas de bronce de 700 kilos

Dos empleados de una empresa de San Sadurniño (A Coruña) han sido detenidos por la …