A biblioteca de Narón acolle a presentación do proxecto “Masterpiece”

O robot co que o grupo Pintuzapos participará este ano na First Lego League presentarase o vindeiro 10 de febreiro na planta soto da Biblioteca municipal de Narón.
 
  
Así o avanzou a concelleira de Bibliotecas, Olga Ameneiro, indicando que a cidadanía interesada en experimentar con este proxecto pode facelo nesa xornada entre as 11:00 e as 12:30 horas.
 
A competición da First Lego League de Galicia celebrarase o vindeiro 2 de marzo no veciño municipio de Ferrol. Alí se presentará o proxecto “Masterpiece”, realizado por Pintuzapos, un grupo de nenos de entre 10 e 13 anos de diferentes concellos da zona.
 
O seu proxecto, tal e como indicaron, permite ás persoas visitantes interactuar cunha serie de robots e instrumentos tecnolóxicos para poder crear pequenas obras de arte. A maioría dos menores participarán por primeira vez este ano na First Lego League.
 
Esta competición de robótica e innovación fomenta as vocacións científico-tecnolóxicas entre os nenos de 4 a 16 anos. A relación entre arte e tecnoloxía é a temática deste ano, ofrecendo un novo desafío aos equipos participantes.
 
“A Biblioteca será ese día o escenario perfecto para fusionar a tecnoloxía, a innovación e o arte, da man dun grupo de menores que contan con todo o noso apoio para competir na First Lego League, onde lles desexamos o maior dos éxitos posibles”, asegurou Olga Ameneiro.

Lea también

Narón abre inscrición nunha andaina con motivo da Romaría da Virxe da “O”

O Concello de Narón organiza a través do Padroado de Deportes e da Concellería de …