Aberta en Neda a inscrición para participar no Festival de Comparsas

Comezan os preparativos do Entroido en Neda. O Concello abre ata este venres 2 o prazo para anotarse no Festival de Comparsas, que o 9 de febreiro marcará o punto de arranque da programación festiva da localidade.

Co obxectivo de incentivar a participación, establécese unha axuda directa por comparsa participante e por grupo, de 250 e 150 euros respectivamente, ao marxe dos premios.

O certame contará cun máximo de oito comparsas (mínimo de 15 persoas con disfraces temáticos) e un grupo (mínimo de oito persoas), e será a orde de presentación das solicitudes no rexistro xeral do Concello de Neda a que determine cales participan. Con todo, segundo figura nas bases do certame, “terán preferencia, sempre que cumpran os requisitos establecidos nas bases, as comparsas e grupo formadas por veciñas de Neda”.

Comparsas e grupos concentraranse na avenida de Castelao, a partir das 20 horas,para emprender o desfile cara ao pavillón municipal, escenario, un ano máis do festival. Alí terán que interpretar un máximo de dúas cancións, con letras en galego, que versarán sobre Neda, ou sobre persoeiros da vila.

Concederanse diplomas ás que, a teor do xurado, destaquen polo enxeño á hora de criticar a realidade local ou comarcal, pola orixinalidade e vestimenta e, como non, pola animación na rúa.

As solicitude para participar poderán formalizarse “de xeito presencial en horario de 9 a 14.30 horas ou a través da sede electrónica ata ás 23:59 do día 2 de febreiro”.

As bases da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de hoxe, e toda a documentación está dispoñible na web municipal.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …