300 escolares naroneses participan na «hora dorada» impartida pola DXT

Uns 300 escolares da cidade participaron no scape room “La hora dorada”, solicitado dende o Concello de Narón á Dirección Xeral de Tráfico.

O concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, explicou que se tratou dunha iniciativa dirixida a alumnado de Secundaria e valorou o feito de que este ano participasen seis centros de ensino da cidade.

“Foi unha proposta máis impulsada a través do equipo de Educación Viaria de Narón e neste caso en colaboración coa DXT que tivo un gran éxito de acollida grazas á implicación de todas as persoas que o fixeron posible”, recalcou Oreona.

Escolares de cuarto curso da ESO dos centros Ayala, Jorge Juan, As Telleiras, Terra de Trasancos, Santiago Apóstol e O Feal acudiron á formación, que tivo unha duración de dúas horas e que se desenvolveu nos meses de decembro do pasado ano e este xaneiro.

“La hora dorada” comprende o intervalo de tempo que abarca dende que se produce un accidente ata os 60 minutos posteriores, unha hora clave na que unha intervención rápida e eficiente pode suponer a diferencia entre a vida e a morte, tal e como indicaron dende a DXT.

O xogo divídese en catro equipos: Garda Civil, Policía Municipal, Bombeiros e persoal sanitario, profesionais que interveñen nos accidentes e que teñen un papel vital para axudar ás vítimas. A trama xira en torno ao atropelo dunha ciclista, María, de 17 anos, por parte de Manu, de 23, condutor dun vehículo.

A través de “flashbacks” o alumnado coñece aos personaxes e revive os momentos previos ao atropelo, para o que terán que ir superando unha serie de probas para pasar as pantallas, contando cunha hora de tempo para tratar de salvar a vida de María.

A iniciativa, segundo indican dende a DXT, “pretende sensibilizar sobre os perigos que supón o tráfico, transformar comportamentos irresponsables e reducir /evitar a sinistralidade viaria”. A maiores, un especialista no ámbito educativo da Xefatura Provincial de Tráfico realizou unha intervención abordando os aspectos tratados e otros sobre seguridade viaria.

“É unha experiencia completamente distinta para os escolares, o que incentiva a súa motivación e favorece que traballen en equipo diferentes contados relacionados coa seguridade viaria, dun xeito lúdico e moi didáctico”, destacou Oreona.

O concelleiro naronés agradeceu a colaboración da DXT para poder levar a cabo na cidade esta actividade e tamén o interese amosado dende os centros educativos participantes na mesma.

Lea también

Axenda en Narón do 22 ao 23 de novembro

Venres 22 de novembro de 2024 Actividade: Obradoiro de defensa persoal para as mulleres Hora: …