San Sadurniño presenta 586.000€ en proxectos á convocatoria do POS+

O próximo 9 de febreiro remata o prazo de presentación de proxectos e propostas de investimento para o Plan Único de Concellos 2024.

A San Sadurniño correspóndenlle este ano un total de 422.271 euros de achega fixa, ademais da previsión de que ao longo dos próximos meses a Deputación da Coruña vaia xerando máis fondos para nutrir os coñecidos como plans adicionais cos que financiar máis actuacións.

Neste sentido, o Concello levará a pleno o martes 30 a distribución dos fondos que xa ten consignados e os proxectos que se contan poder executar a medida que o ente provincial libere novas partidas con esa finalidade. En canto a infraestruturas, o Executivo local definiu oito actuacións, case todas na rede viaria, por un importe lixeiramente superior aos 586.000 euros.

Antes de ver onde se van investir os cartos da convocatoria 2024 do Plan Único (POS+) non está de máis facer unha breve introdución sobre como funciona esta liña de financiamento provincial. E é que os fondos asígnanselles a todos os municipios da provincia atendendo a criteiros obxectivos, como por exemplo o da poboación e a súa dispersión, de modo que son os concellos máis pequenos quen, en proporción, máis fondos reciben.

No caso de San Sadurniño, a Deputación da Coruña asignou para este ano un total de 422.271,48 euros: 204.864,38€ correspondentes á denominada «Achega 2024», 158.874,42€ da chamada «Achega 2023» e outros 58.532,62€ do POS Adicional 01/2024.

O total da Achega 2024, eses case 205.000 euros, van dedicarse a gasto corrente, como son consumos de combustible e enerxía, mentres que os 58.400 euros do POS Adicional, coñecido tamén como «POS Social», destinaranse ao sostemento do SAF e de programas como os obradoiros de memoria activa que se ofrecen polas parroquias en colaboración con AFAL.

Os 158.874,42 euros restantes son para obras, concretamente para tres proxectos de reparación da nosa rede viaria:

A pavimentación da pista que vai desde A Fraguela até a Ponte da Pedreira, en Naraío, de 950 metros; o asfaltado dos 400 metros do camiño do Sumeiro, en Ferreira, e o arranxo dunha pista no núcleo da Torre (190 m) e outra no de Amido, ambas en Igrexafeita, esta última sobre unha distancia de 450 m. O orzamento deste paquete ascende a 55.457,42 euros.

O asfaltado da pista da Gándara, en Ferreira, de 825 metros de lonxitude, xunto co estendido dunha nova capa de rodadura no camiño que baixa desde O Pico até o Freixo, en Naraío (950 m), cuxo importe conxunto está cifrado en 48.734,29 euros.

E, completando o orzamento fixo da achega 2023 do POS+, o arranxo dunha pista de 680 metros na Sanguiñeira, en Bardaos, outros 100 metros no Vilar (Santa Mariña do Monte) e 870 metros no Bidueiro, en Ferreira. Todas elas, igual que as anteriores, servirán para limpar cunetas, sanear fochancas e volver pavimentar con regas asfálticas. Neste caso o proxecto está orzamentado en 54.682,71 euros.

Porén, a maiores, o Concello tamén debe presentarlle xa á Deputación os proxectos susceptibles de levarse a cabo máis adiante, no caso máis que probable de que se xeren máis fondos, xa sexan remanentes de exercicios provinciais anteriores ou, por exemplo, das baixas que se xeran nos procesos de licitación, que pasan dun ano para outro.

É o que se coñece como Plan Complementario, que debe ser, como mínimo, dun 25% do importe consignado con carácter fixo, ademais de dirixirse a investimentos financeiramente sostibles.

O Concello de San Sadurniño definiu os seguintes, na súa maioría aglomerados da rede viaria: o eixo O Castro-A Bañoca, en Bardaos, de 825 metros e cifrado en 65.372,97 euros; o ancheado e reparación da pista que enlaza a Capela de Belén co campo de fútbol dos Currás (840 metros e 91.355 euros de investimento), en San Sadurniño; o tramo de 900 metros entre A Fraguela e Vilarxá, en Naraío, (88.675,20€) co que se completaría a conexión do fondo da parroquia coa antiga estrada das Pontes pasando polo castelo;

E pechando o apartado de reparacións viarias, o aglomerado da pista que baixa desde a Pena da Meda até O Cando, en Igrexafeita, de 1.170 metros de lonxitude, xunto co asfaltado dunha pista adxacente de 250 metros que dá acceso ao lugar do Couce. Este último proxecto está cuantificado en 85.263,30€.

Ademais de reparar pistas, ao POS Complementario tamén se presentará a ampliación da rede de saneamento ao lugar de Silvalonga, mediante a extensión de catro ramais paralelos á estrada DP-7603. O investimento previsto ascende a 96.493,13€

Deste modo, o conxunto de proxectos viarios e de servizos básicos deseñados polo Concello para esta anualidade do POS+ da Deputación da Coruña permitirá ampliar a rede sanitaria case outro quilómetro máis e reparar case 10 quilómetros de pistas municipais, que se sumarán aos 6,6 anunciados hai uns días con cargo a fondos FEADER.

O investimento en infraestruturas con cargo ao Plan Único de Concellos da Deputación da Coruña alcanzaría, polo tanto, un importe en licitacións superior aos 586.000 euros.

Tanto a distribución dos fondos fixos como os proxectos en espera de financiamento someteranse á votación do pleno ordinario que se celebrará o próximo martes 30 de xaneiro.

Lea también

Máis de 100 caniches de todo o Estado danse cita en Fene na II Canichada de Galicia

110 cans de raza caniche están apuntados para participar na “II Canichada de Galicia”, que …