San Sadurniño depositou 1,7 toneladas de roupa nos colectores de INS3RTEGA

A empresa Iniciativa Social Emprendedora de Reciclaxe Téxtil de Galicia INS3RTEGA, subscribiu a principios do pasado verán un convenio co Concello de San Sadurniño para instalar en catro puntos do territorio outros tantos colectores de recollida de roupa e calzado.

Os depósitos colocáronse a primeiros de agosto diante da EIM A Rolada, no aparcadoiro da Cooperativa de Meirás en Naraío, ao carón do local social de Igrexafeita e na explanada de Lácteos O Casal, no Camiño Arriba.

A empresa acaba de trasladarlle ao Concello o balance dos cinco primeiros meses de funcionamento, durante os que se recolleron un total de 1.740 quilos de prendas destinadas á reutilización, as que se atopaban en bo estado, ou ben á reciclaxe.

Segundo os datos facilitados por INS3RTEGA, os meses de maior acopio de roupa e calzado foron outubro, con 590 quilos, e agosto, con 390, seguido de preto polos 370 quilos recollidos en setembro e, xa a maior distancia, polos 290 de novembro e os 100 de decembro.

A empresa, que ofrece o servizo totalmente de balde para o Concello, apunta que «segundo os datos da Comisión Europea», a xestión destas algo máis de 1,7 toneladas de prendas «evitou a xeración de 5,51 toneladas de gases de efecto invernadoiro».

O alcalde, pola súa banda, destacou que a recollida en colectores específicos «evita que a roupa vella vaia parar aos contedores do lixo doméstico, onde non se debe botar», comenta Secundino García. «Ademais, prosegue o rexedor, o sistema, que era unha iniciativa piloto, parece que funciona e vén darlle solución a un tipo de refugallos que poden ter unha segunda vida por medio da reutilización ou a reciclaxe».

A reutilización e a reciclaxe son precisamente os dous “R” aos que se dedica INS3RTEGA, a empresa social integrada maioritariamente por persoas con discapacidade que, en colaboración co Concello, instalou en agosto os catro colectores metálicos de recollida de prendas de vestir e roupa do fogar. Catro depósitos que viñeron complementar o colocado por Cáritas ao pé da igrexa de San Sadurniño.

Os depósitos, dunha cor verde rechamante e identificables polo lema “Contigo, San Sadurniño recicla”. Neles poden botarse pantalóns, camisas, camisetas, abrigos, calcetíns, zapatos, zapatillas, “tenis”, etc., e téxtil do fogar, como sabas, mantas, manteis, panos… que sempre deben ir en bolsas pechadas para optimizar o espazo e facilitar o baleirado.

INS3RTEGA ocúpase de recoller as prendas regularmente e do seu tratamento posterior, seleccionando e separando aquelas que estean en perfectas condicións para poder reutilizarse tras un esixente proceso de limpeza e preparación previa. Roupa toda ela que se clasifica e que se pon a disposición de entidades sociais e roupeiros xestionados polos Servizos Sociais municipais.

As pezas que polo seu estado xa non poidan volver reutilizarse, arredor do 50% do que se bota nos depósitos, segundo a empresa, destínanse á reciclaxe convertidas en materiais e fibras con múltiples usos posteriores, como novos  tecidos, fíos en bruto, recheos, bolsas e packaging, artigos de agasallo ou téxtil do fogar. INS3RTEGA incluso conta cunha liña de deseño de uniformes para empresas feitos a partir de fibras recicladas e tamén proporciona materia prima para fabricar mobiliario con compostos téxtiles.

No caso de que, puntualmente, os colectores estean ao límite da súa capacidade, pode dárselle aviso á empresa no 634 594 877 (ou tamén a través da app/web municipal Liña Verde). A ese teléfono tamén se pode chamar para recollidas domiciliarias de grandes cantidades de prendas de vestir e roupa do fogar, como por exemplo as motivadas por mudanzas ,cando sempre se desbotan moitas pezas, ou pola necesidade de baleirar casas que cambian de mans e que cómpre librar.

Lea también

Mugardos informa sobre los trabajos en curso para restablecer la iluminación afectada por los temporales

El Concello de Mugardos informa que continúa realizando intervenciones en distintos puntos del municipio para …