Precaución en toda Galicia polas baixas temperaturas

Debido ao descenso das temperaturas durante hoxe e mañá, a Consellería de Sanidade da Xunta advirte á poboación galega da necesidade de tomar as medidas axeitadas para evitar ou reducir o impacto negativo das baixas temperaturas no organismo, especialmente, na poboación máis vulnerable.

Así, segundo comunica MeteoGalicia, a nosa comunidade atoparase durante a xornada de hoxe, e nas primeiras horas do sábado, entre dous centros de acción. Por unha banda, temos altas presións centradas nas Azores entrando en forma de cuña sobre o Golfo de Biscaia e, por outro lado, unha borrasca desenvolvéndose no centro da península Ibérica, denominada borrasca Juan. Isto conforma un corredor de isóbaras que deixa ventos intensos do nordés e achega aire frío procedente do continente europeo.

As temperaturas serán escasas xa durante a xornada de hoxe e, ademais, a sensación térmica estará en xeral bastante por debaixo do que marque o termómetro debido ao vento intenso. Os valores seguirán descendendo e serán particularmente baixos na madrugada do sábado. Nese intervalo, quedaremos na influencia do anticiclón, polo tanto con ceos despexados. Ademais, os ventos do nordés perderán moita intensidade. A combinación de aire frío, ceo despexado e vento débil propiciará una madrugada do sábado moi fría, con xeadas xeneralizadas mesmo ao nivel do mar.

Este episodio de frío será breve. Irá remitindo o propio sábado a partir do mediodía, xa que os ventos cambiarán a suroeste e achegarán aire máis húmido, pero tamén máis morno, que suavizará moito os valores de temperatura e desembocarán nun domingo de temperatura xa normal, ou mesmo elevada para esta época do ano.

As principais recomendacións para previr os efectos negativos para a saúde das baixas temperaturas son:
• Usar roupa non apertada e que transpire. Empregar varias capas de roupa lixeiras superpostas en lugar dunha soa de tecido groso.

Prestar especial atención á protección da cabeza, o pescozo, os pés e as mans, porque son as zonas máis sensibles e de maior perda de calor.
• Empregar roupa de abrigo resistente ao vento e á humidade e calzado impermeable e antiescorregadiza.
• Procurar permanecer seco, xa que a roupa mollada arrefría o corpo rapidamente.
• En caso de ter que realizar un traballo físico baixo o frío, debe facerse con precaución, suavemente, procurando non esgotarse, especialmente se se sofre algunha doenza de tipo cardiorrespiratorio ou hipertensión.
• Respirar polo nariz e non pola boca, xa que o aire quéntase ao pasar pola fosas nasais e así diminúe o frío que chega aos pulmóns.
• Beber líquidos quentes e azucrados, salvo contraindicación médica e evitar as bebidas alcohólicas.
• Extremar as precaucións no caso de que haxa xeo na rúa, para evitar caídas que poden producir fractura de cadeira ou doutros ósos.
• Manter o contacto coas persoas consideradas máis vulnerables (chamadas ou visitas) para valorar a súa situación concreta e previr efectos graves das baixas temperaturas.
• Consultar co persoal sanitario de referencia, co 061 ou o 112 en caso de ser necesario.

Lea también

El saldo migratorio de Galicia presentó en 2023 el segundo valor más alto de la serie histórica

  El saldo migratorio (diferencia entre las entradas y las salidas) de Galicia en 2023 …