O Pazo de Mariñán acolleu este venres o I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, unha xornada de traballo e reflexión organizada pola Deputación da Coruña que reuniu a responsables políticos e técnicos dos 93 concellos da provincia, co obxectivo de reforzar a cooperación institucional e compartir boas prácticas nun ámbito clave para o benestar da cidadanía.
O encontro foi inaugurado polo presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o vicepresidente, Xosé Regueira, e a deputada de Política Social, Mar García Vidal, e centrouse no envellecemento activo e na loita contra a soidade non desexada, dous dos grandes retos sociais actuais nun territorio no que máis do 25 % da poboación supera os 65 anos.
Durante a súa intervención, Formoso destacou que “os servizos sociais municipais son o primeiro chanzo da atención pública ás persoas, a porta máis próxima, a máis humana e a máis necesaria”, e agradeceu o traballo diario dos profesionais que “fan posible que moitas persoas en situacións difíciles atopen acompañamento, orientación e, moitas veces, unha nova oportunidade”.
O presidente lembrou que nos últimos dez anos a Deputación incrementou nun 137 % o investimento social, ata acadar este ano 33,6 millóns de euros, converténdose no segundo capítulo con máis peso do orzamento provincial, só por detrás do Plan Único. Ademais, anunciou que en 2026 o investimento social medrará ata os 36 millóns de euros, o que supón case o 14 % do total do orzamento provincial.
180 profesionais contatados e 400.00 horas de axuda no fogar
Formoso puxo como exemplo deste compromiso o Plan de Servizos Sociais Comunitarios, que pasou de 4 millóns de euros en 2015 a 9,1 millóns na actualidade, o que permitiu duplicar o número de profesionais do ámbito social cos que contan os concellos, de 90 a 180, entre traballadoras sociais, educadoras e outro persoal técnico.
Tamén destacou o esforzo provincial na cofinanciación de 400.000 horas anuais de Servizo de Axuda no Fogar (SAF), incrementando a achega da Deputación de 12 a 14 euros por hora. “As traballadoras da axuda no fogar fan un traballo imprescindible —sinalou—, grazas a elas o benestar e a dignidade das nosas persoas maiores son maiores. Representan o mellor rostro da política social: o do coidado, o da humanidade e o da proximidade”.
O presidente referiuse tamén ao papel esencial das entidades sociais da provincia, ás que a Deputación destina 4,5 millóns de euros anuais, apoiando o labor de 273 asociacións e colectivos que “chegan onde a administración, ás veces, non pode chegar, complementando con sensibilidade e profesionalidade o traballo dos servizos públicos”.
No apartado de novos retos, Formoso explicou que a Deputación impulsa novas liñas de traballo en envellecemento activo e loita contra a soidade, así como o deseño dun novo modelo de residencias públicas de pequeno tamaño, próximas e abertas á comunidade, inspirado na experiencia de países nórdicos como Dinamarca ou Suecia. Os primeiros centros piloto desenvolveranse en As Pontes, Rianxo e Ordes, con habitacións individuais, espazos interxeneracionais, tecnoloxía avanzada e programas abertos á participación das familias.
O vicepresidente, Xosé Regueira, incidiu na importancia de evitar a soidade non desexada nos maiores, o tema central da reunión de hoxe: “as persoas maiores que acaban soas e illadas é o peor que nos pode sueceder” e neste sentido, defendeu a necesidade de implementar programas como os que Deputación e concellos están a desenvolver neste ámbito.
Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, destacou que “a coordinación entre concellos é esencial para avanzar en políticas de coidado, acompañamento e prevención da soidade, fortalecendo a rede comunitaria e a atención de proximidade”, e puxo en valor a creación deste encontro provincial como un espazo estable de cooperación técnica e institucional.
A xornada incluíu relatorios a cargo do xerontólogo Javier Yanguas, da experta Lourdes Bermejo e da cooperativa galega Nova Works Consulting, así como obradoiros prácticos e un panel de experiencias municipais.
O encontro nace coa vontade de consolidarse como unha cita anual de formación, reflexión e coordinación entre profesionais dos servizos sociais municipais, reforzando o papel da Deputación da Coruña como apoio técnico e institucional na promoción do benestar e da calidade de vida da cidadanía.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.

