O Concello de Narón iniciou unha nova campaña encamiñada a realizar un uso responsable do servizo de recollida de residuos. Así o anunciou o concelleiro de Servizos, Manuel Ramos, que informou que traballarán de xeito conxunto o departamento municipal de Servizos básicos e a Policía Local, co fin de reconducir a actual situación ante as innumerables queixas recibidas no Consistorio polo mal uso que algunhas empresas e veciños fan do citado servizo. “Xa realizamos unha campaña informativa previamente e trala que se abriron un total de dezaseis expedientes sancionadores por incumprir as normas de uso de colectores”, asegurou Ramos.
O edil naronés recordou que a Ordenanza de residuos e limpeza viaria do Concello de Narón prohíbe expresamente depositar bolsas ou residuos soltos fóra dos colectores ou na vía pública. As infraccións leves poden sancionarse neste caso con ata 750 euros e de ser reincidentes, a sanción mínima é de 751 euros, unha contía que se apreciou nun dos casos detectados nesta campaña. Así mesmo, depositar os residuos sen separalos nas correspondentes fraccións (ordinarios, envases, vidro, papel…) tamén constitúe unha infracción, que pode sancionarse con ata 750 euros ou dende 751 euros nas reincidencias.
Ramos explicou que outra das infraccións que se cometen habitualmente é non chamar previamente á empresa concesionaria do servizo de recollida de voluminosos para acordar unha data desa recollida. Para estes casos tamén se contemplan sancións na ordenanza, que poden ser leves ou graves. O procedemento a seguir nestes casos, para desprenderse de residuos domésticos voluminosos, é chamar á empresa concesionaria do servizo na cidade, acordando con ela unha data para a recollida.
As persoas interesadas en dispoñer do citado servizo deben chamar ao número de teléfono 981 391074, de luns a venres, en horario de 9:00 a 13:00 e dende as 16:00 ata as 19:00 horas e tamén poden facelo os sábados, de 9:00 a 14:00 horas. A chamada é de balde e o feito de incumprir a normativa neste caso supón sancións aos infractores que van dende os 750 ata os 1.500 euros, en función da súa cualificación, leve ou grave, respectivamente.
O Concello ten ademais a disposición da cidadanía o Punto Limpo municipal do polígono de Río do Pozo, operativo de luns a sábado, onde se admiten estes residuos nas condicións de entrega que se establezan. Dende o Consistorio, e con cargo a esta campaña, tamén se identificaron os responsables de varios vertidos nas vías públicas do termo municipal, que foron denunciados e para os que se abriron os pertinentes expedientes sancionadores.
“É imprescindible o civismo e a colaboración cidadá para erradicar este tipo de prácticas que lamentablemente aínda a día de hoxe se suceden nos concellos”, recalcou Ramos, que instou á cidadanía a respectar a normativa en vigor e a facer un uso responsable dos servizos municipais.