Fene prepara o Entroido

Xa está aberto o prazo de inscrición para as comparsas que queiran participar no desfile e festival que terá lugar na praza do alcalde Ramón José Souto González o mércores 14 de febreiro, no marco do Entroido fenés.

As agrupacións interesadas en anotarse poderán facelo até as 14.00 horas do xoves 8 de febreiro no Rexistro Xeral do Concello e optar ás axudas que establece a concellería de Cultura para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido (bases publicadas na web municipal).

Poderán participar no desfile e festival de comparsas do Concello de Fene asociacións ou entidades legalmente constituídas así como os “grupos ocasionais”, conformando comparsas de adultos (agrupacións de máscaras cun número superior ás 20 persoas, maiores de 18 anos) ou infantís (agrupacións de máscaras cun número superior ás 20 persoas, menores de 18 anos, máis aquelas persoas adultas que participen como apoio á comparsa).

En todos os casos, as comparsas deberán gardar unha unidade temática, tanto no seu vestiario coma na súa actuación. E non se considerarán comparsas con dereito a inscrición e participación aquelas que en anos anteriores repetirán o seu disfrace.

De cara ao Entroido 2024, Fene destina 9000 euros ás axudas ás comparsas que participen nos actos programados, atendendo aos seguintes criterios: repartiranse 1.200 € a partes iguais, até un máximo de 400 € por comparsa, entre as comparsas de adultos de Fene; 700 € a partes iguais entre as comparsas infantís; e os 7.100 € restantes a partes iguais entre todas as comparsas de adultos
participantes, incluídas as comparsas de Fene (criterios de baremación especificados nas bases).

Para poder optar ás axudas é imprescindible que as comparsas acompañen ao Entroido nos actos programados para o mércores 14 de febreiro de 2024 e que comezarán coa concentración ás 17.30 horas na pista polideportiva do CCRD de Perlío (Rúa San Salvador).

Ciclo Entroido 2024

A programación que organiza a Concellería de Cultura para este Entroido comezará o 13 de febreiro, Martes de Entroido, a partir das 18.00 horas cunha festa infantil a cargo de La Guagua e co tradicional reparto de lambetadas para todos os nenos e nenas participantes.

A xornada completarase cunha verbena a cargo da Orquestra Origen, que comezará arredor das 21.00 horas e que incluirá a actuación dun Dj durante o descanso.

As actividades do Entroido en Fene continuarán o mércores 14 de febreiro, Mércores de Cinza e festivo local no termo municipal. Haberá concentración de comparsas ás 17.30 horas en Perlío (Pista Polideportiva do CCRD de Perlío) para iniciar un percorrido pola Rúa San Salvador, Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avda. Naturais ata chegar á Avenida do Concello.

Ao chegaren á Praza do alcalde Ramón José Souto González, terá lugar a actuación das comparsas, a lectura do Testamento do Entroido, a queima do boneco e o espectáculo pirotécnico (no Parque Castelao)

Lea también

Juzgan a un hombre por provocar dos incendios forestales en Ortigueira

La sección primera de la Audiencia Provincial de A Coruña juzgará este lunes, día 11, …