Pontedeume organiza unha dobre presentación literaria

O Concello de Pontedeume organiza este venres 19 un acto literario con dous autores de Ferrolterra e Eume: Rober Cagiao (Bañobre, Miño, 1976) e Pablo J. Rañales (Mugardos, 1999) chegan ao municipio para presentar as súas primeiras novelas en galego, a historia de misterio detrás de Entroido e o relato de ciencia ficción de Os afogados, coa que Rañales gañou o Premio Illa Nova de Narrativa 2023. A conversa literaria será ás 20:00 horas na Casa da Cultura municipal.

Así, ambos escritores poderán debullar o que supón introducirse na literatura galega, cada un dende o seu xénero e as súas particularidades, mais tamén afondar no proceso de escritura das obras e as temáticas que desenvolveron nelas.

Para Cagiao, o lanzamento de Entroido ( Knowmadas Books, 2023) supuxo lanzarse nunha nova etapa literaria, algo que xa tiña en mente tempo atrás.

“Ao longo dos meus libros, construín historias nas que Galicia sempre era unha personaxe máis. Pero eu quería ir máis aló: desexaba achegar o meu gran de area ao ecosistema literario galego, pero sobre todo sacar peito de nacer entre xestas e toxos, coa néboa e coa choiva sempre ao carón”, salienta o escritor miñense. Mantivo, iso si, os seus trazos autorais: o emprego do misterio, a inclusión dos asasinatos e a incorporación de espazos reais con protagonismo na trama.

E no caso de Pablo J. Rañales, tamén Os afogados (Editorial Galaxia, 2023) se converteu nun reto, ao explorar o xénero da ciencia ficción en galego, minoritario no actual ecosistema literario de Galicia: “creo que precisamos máis que nunca explorar a ficción científica galega e en galego. É o que nos permite reimaxinar o futuro, pensalo e discutilo. Coma sociedade, necesitamos un horizonte cara o que camiñar e a ciencia ficción, dende a literatura, é clave para construílo”, declarou Rañales.

SINOPSES:

Pablo J Rañales

Os afogados, Editorial Galaxia:

Unha nova especie animal invadirá a Galicia do século XXI. Os afogados, uns seres compostos de cunchas, algas e navallas, emerxerán do máis fondo do Océano Atlántico e encherán todas e cada unha das praias.

Transformarán as nosas paisaxes contemporáneas e retarán a sociedade galega con moitas preguntas: que queren?, a que agardan?, por que teñen forma antropomórfica? A humanidade terá que buscar respostas e elixir como enfrontarse a estes seres: se dende o relato bélico, a análise científica ou o agarimo.

A bioinformática Ruth Perea, o sociólogo Nico Romero, a estrela das redes sociais Lucía Rei ou o pequeno Martín relacionaranse cos afogados e afrontarán o medo ao descoñecido, coa obsesión por crear coñecemento e co temor a deixar de ser a especie dominante da Terra. Os afogados explora a relación coa natureza e a viralización dos discursos de odio, ademais de reflexionar sobre a función da ciencia e a paisaxe nas nosas vidas.

Entroido, Knowmadas Books:

Rober Cagiao

A comezos do século XXI o Asasino do Martelo desata unha onda de crimes que estremece a cidade de A Coruña. Vinte anos despois, a inspectora Lola Xallas, filla da derradeira vítima, intérnase nun labirinto de intrigas en Barcelona.

Un asasinato, unha sex tape e a sombra do pasado conectan os destinos de tres mulleres valentes: Soledad, a actriz, Olvido, a xornalista, e Lola, a investigadora, vense arrastradas a unha caza humana mortal na Cidade Condal.

Baixo a máscara dun enigmático líder, chamado Laza, revélase unha vinganza que se serve en prato frío, desafiando á verdade e desenmascarando ao Asasino do Martelo. Unha combinación intrigante de crimes sen resolver, segredos enterrados e unha caza mortal que levará aos personaxes e aos lectores nunha viaxe chea de suspenso e emoción.

Lea también

La AVV A Magdalena celebró el «Día de la Música» con Pregón y destacadas actuaciones de «Añoranzas» y Coro Rociero

De auténtico y destacado espectáculo se puede calificar el ofrecido en la tarde de este …