A sala Carlos III do Museo da Construción Naval de Ferrol acollerá este xoves 18 de xaneiro ás 19:00 horas o acto de presentación do Nº 36 do Caderno Ferrol Análises que baixo o título Exponav, Museo de la Construción Naval, Mascarón de Proa de Ferrol, edita o Club de Prensa de Ferrol con motivo do 15º Aniversario da súa fundación.
O Caderno é froito dun traballo conxunto dos seus impulsores, xestores e colaboradores que desde o coñecemento e as vivencias dos feitos, recuperan para todos desde as orixes ata os alicerces, que foron sostendo a súa fundación polos Reis don Juan Carlos e dona Sofía e polos actuais Reis en marzo de 2008. Fundación que foi posible, como sinalan os seu relatores, grazas a diversas institucións públicas e privadas, asociacións e empresas nacionais e locais, así como tamén, grazas á colaboración e traballo de numerosas persoas que aportaron e seguen a aportar, os seus coñecementos da construción naval e as actividades marítimas.
Unha feliz conxunción do seu Padroado e do seu Órgano de Xestión na inxente tarefa de captación de fondos, divulgación, promoción de actividades de carácter científico dirixidas á infancia e mocidade, e de visitas guiadas, foron conseguindo a crecente atención dun público que deu orixe a un circuíto cultural e turístico que foi recompensado o 23 de febreiro de 2017 pola Xunta de Galicia, co recoñecemento e autorización para denominarse como Museo da Construción Naval de Ferrol.
Na publicación articulada nas distintas áreas que conforman o Museo, os autores: Rafael Suárez e Raúl villa; José Castro Luaces; José Ramón Cancelo; José María Cardona; Manuel Amable Romero, Ainoha Leal e Cristina Vidal, convídannos a coñecer en profundidade a súa historia, a rehabilitación do Edificio Herrerías, a Biblioteca especializada e o Arquivo. Toda unha invitación a deixarnos levar ,como se de unha visita guiada se tratase, polas distintas zonas expositivas do Museo, seguindo o espléndido Anexo Fotográfico e Documental, realizado con fotografías do propio Museo, de Cristina Vidal e de José Pardo.
O Club de Prensa de Ferrol con esta publicación, dirixida por Esperanza Piñeiro de San Miguel, mostra a súa fonda satisfacción por ter podido dedicar este Caderno ao Museo da Construción Naval. Un Museo que está a simbolizar o feliz resultado dunha aposta pola dinamización cultural que subliña un camiño a seguir nunha cidade que aspira a ser declarada Patrimonio da Humanidade, ao tempo que agradece ao Concello de Ferrol e á Deputación Provincial da Coruña a súa colaboración para facelo posible.