O Campus Industrial de Ferrol suma tres investigadoras predoutorais

As investigadoras predoutorais Harriet Kumi, Isabel Robalo Cabrera e Ánxela Pérez Costa veñen de incorporárense ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) grazas á convocatoria “Talento en Formación” que promove o Campus Industrial da Universidade da Coruña.

As tres están matriculadas nun programa de doutoramento e desenvolven os seus traballos nalgunha das liñas estratéxicas do campus como poden ser a robótica, os materiais, a optimización de procesos, a enxeñaría naval e offshore, a xestión industrial ou o desenvolvemento de produto.

Harriet Kumi (Ghana, África – 1992) cursou hai un par de anos estudos de física no seu país de orixe e un máster en Nanociencia na Universidade do País Vasco, en España.

A día de hoxe, está matriculada no Programa de Doutoramento en Física Aplicada. No curso académico 2022/23, o convenio de colaboración asinado entre a Universidade da Coruña e a Fundación Mulleres por África para a posta en marcha do Programa de Bolsas Learn África no Campus Industrial de Ferrol permitiulle continuar afondando no campo da física nuclear da man do investigador Ramón y Cajal, Saúl Beceiro.

Esta seguirá a ser a súa liña de traballo nos próximos catro anos no Laboratorio de Física Nuclear e de Altas Enerxías do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI). Isabel Robalo Cabrera (Almería, 1998) é graduada en Enxeñaría Eléctrica con mención en Enerxías Renovables pola Universidade de Almería e, na actualidade, está matriculada no Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial.

Ao longo dos próximos catro anos, esta investigadora predoutoral tratará de atopar un índice que lle permita medir o impacto social que as instalacións de enerxía renovable mariña e a terrestre teñen nas zonas nas que se implantan.

Dirixen a súa tese, a profesora da Escola Politécnica de Enxeñaría de  Ferrol (EPEF) e integrante do grupo de Ciencia e Enxeñaría de Materiais do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais (CITENI), Almudena Filgueira Vizoso, e o profesor e investigador da Universidade de Almería, Alfredo Alcayde García.

Ánxela Pérez Costa (A Coruña, 1997) é graduada en Enxeñaría de Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto pola Universidade da Coruña. Na actualidade, está matriculada no Programa de Doutoramento en Enxeñaría Naval e Industrial.

Baixo a titorización do investigador do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica do Centro de Investigación en Tecnoloxías Industriais e Navais (CITENI), Florian Michaud, e da profesora da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) e investigadora do grupo RNASA – IMEDIR do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC), María de las Nieves Pedreira Souto, esta investigadora predoutoral estudará, ao longo dos próximos catro anos, a experiencia de uso e a interacción que as persoas teñen coa realidade aumentada cando usan este tipo de gafas no eido da cirurxía ortopédica.

Un total de 16 contratos predoc e postdoc formalizados desde 2022

A través da convocatoria “Talento en Formación”, o Campus Industrial da Universidade da Coruña ten contratados, por un período de catro anos, a un total de dez investigadores e investigadoras predoutorais.

En xullo de 2022 incorporáronse ao Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) e, máis concretamente, ao Grupo de Polímeros, Silvia Lage Rivera e Jesika Asatryan. Ao mesmo tempo, Francisco Bottero sumábase ao equipo do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica.

Pouco despois, en novembro de 2022, Sergio Roget Mourelle e José Manuel Ciriano Palacios, comezaban a traballar no Grupo Integrado de Enxeñaría e xa en maio de 2023, Sai Vempati incorporábase ao Laboratorio de Aplicacións Industriais do Láser e Doha Erlhoul iniciaba os seus estudos no eido da enerxía e a propulsión mariña.

As tres últimas investigadoras predoutorais en formalizaren o seu contrato son Harriet Kumi, Isabel Robalo Cabrera e Ánxela Pérez Costa.

Pola súa banda, a convocatoria “Talento Investigador” permitiu que o Campus Industrial da Universidade da Coruña contratase, tamén por un período de catro anos, a outros catro investigadores e investigadoras postdoutorais.

Así, en xullo de 2022, Florian Michaud incorporábase ao Laboratorio de Enxeñaría Mecánica e Zoia Haholkina ao Grupo de Polímeros. En maio de 2023, María Isabel Rial Hermina comezaba a traballar no Grupo de Propiedades Térmicas e Reolóxicas de Materiais (Proterm) e no mes de maio Marius Bodor incorporábase ao Grupo de Polímeros.

Cada un destes investigadores e investigadoras dispón de 30.000 euros para desenvolver o seu propio proxecto de investigación.

Grazas ás axudas ao Programa de Doutoramento Industrial outros dous estudantes accederon en xuño de 2022 a un contrato, cunha duración mínima dun ano e máxima de tres, para realizaren a súa tese en colaboración con dúas empresas da contorna. Así, David Sánchez Canzobre colabora activamente con Anta Norte e Tanausú Almeida Medina con Coremarina Solutions.

Lea también

Ferrol licita las obras de transformación del Torrente Ballester en el museo de la ciudad

La transformación del Centro Cultural Torrente Ballester en el Museo de Ferrol continúa con sus …