O Concello de Narón instala un punto informativo sobre prevención do acoso escolar

O punto informativo sobre o acoso escolar instalarase este venres 19, no Centro Comercial Odeón, onde permanecerá operativo dende as 18:00 ata as 20:00 horas.

Así o anunciou a concelleira de Ensino, Olga Ameneiro, que incidiu en que se retoma esta iniciativa para reforzar o traballo que se realiza nos obradoiros de convivencia escolar nos centros de ensino da cidade.

O alumnado de sexto de Primaria e de primeiro curso da ESO é o destinatario destes obradoiros, xunto coas familias e profesorado. A maiores de sesións individuais e grupais tamén se impulsou dende o Concello este punto informativo, que estivo en varias ubicacións da cidade o pasado ano e cuxa actividade se retoma esta semana, tal e como indicou a edil naronesa.

“Reforzar o traballo que se realiza nos centros, en materia de prevención do acoso escolar, é un dos obxectivos principais desta acción, na que se ofrece á cidadanía en xeral unha serie de información a través da que poder detectar posibles casos e tamén como afrontalos mediante as ferramentas operativas a tal fin”, apuntou Ameneiro.

O persoal que atende o punto informativo de prevención do acoso escolar ofrecerá ás persoas que se acheguen a o mesmo trípticos informativos, pulseiras cun código QR que redirixe a unha páxina web con recursos preventivos das diferentes administracións contra o acoso escolar… Así mesmo, tamén se solicitará que realicen unha enquisa co fin de coñecer máis polo miúdo a situación real para posteriormente analizar os datos obtidos.

“Conéctate contra o acoso escolar” é un dos lemas desta campaña, sobre a que se pode solicitar máis información no Servizo Sociocomunitario Municipal, a través do número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108, 1109 e 1122) ou escribindo un correo electrónico á dirección: omix@naron.gal

“A colaboración da comunidade educativa en particular e da sociedade en xeral é fundamental para erradicar unha lacra como a do acoso escolar, que lamentablemente aínda se produce a día de hoxe e contra a que temos que unir todas as forzas posibles perseguindo ese obxectivo común”, recalcou a concelleira de Ensino.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …