Programadas ata xuño 43 funcións escénicas e musicais en cinco concellos de Ferrolterra

«Entrega en man», de Contraproducións.

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e 41 entidades locais adheridas, ofrecerá ata finais de xuño 43 novas actuacións escénicas e musicais en cinco concellos da área de Ferrolterra. A Xunta colabora así na programación cultural de Ferrol, Narón, Cedeira, Ortigueira e As Pontes de García Rodríguez este semestre, cunha ampla escolma de propostas de teatro, danza, música ou novo circo.

O Pazo da Cultura de Narón abre mañá a carteleira desta programación coordinada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Farao con Protocolo del quebranto, da compañía canaria Unahoramenos Producciones, que terá función este sábado 13 ás 20,00 h. Tamén a peza Entrega en man, de Contraproducións, poderá verse no mesmo espazo o domingo 20.  A contorna de Ferrol completará a programación escénica de xaneiro co espectáculo musical perfilado a público familiar A trompa non só é cousa de elefantes, de Catrocores, o día 27 no Auditorio Municipal de Cedeira.

A programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Jofre de Ferrol comeza o semestre con música da man do cantautor madrileño Vicente Navarro, que presenta a súa segunda proposta, Las Manos, no auditorio da cidade o vindeiro 2 de febreiro. Tres semanas despois, visitará o histórico escenario ferrolán Marta Alonso Tejada, que presentará a súa peza Sofá, unha sitcom de danza con teatro, circo e música en directo programada para o día 24 de febreiro.

Marzo comezará con máis artes do movemento da man da compañía lucense Cali Danza e o seu espectáculo Donas, que reflexiona sobre a existencia e o corpo dende unha perspectiva feminina, cunha función o 8 de marzo no Jofre. Abismo Caracol inaugura a proposta para público familiar no auditorio ferrolán cunha función do seu Pulgarcita que se poderá gozar o 10 de febreiro. Séguelle o día 15 a peza Insubmisa de Antagonista Teatro, montaxe inspirada na personaxe mitolóxica de Medea na que a compañía fala da reconstrución do relato das mulleres nunha sociedade patriarcal.

Máis no Teatro no Jofre

As funcións continúan en abril cun novo espectáculos de danza no Jofre o día 5 grazas á compañía D’elas e a súa peza É difícil fotografar o baleiro, e o teatro tamén ten cabida na programación, cunha función de Un momento precioso, a nova proposta de Elefante Elegante para todos os públicos, o día 12.

Neste mes haberá tamén espazo para o público máis novo coa peza Mamut da compañía emerxente Markeliñe, o día 14. Xa entrado o mes de maio, o Teatro Jofre ofrece Gaia Baba, a meiga, espectáculo de títeres e máscaras da compañía Nauta, o día 12, e o 18 a Sesión continua, de Bucanero, unha homenaxe ao celuloide que fora dirixida no seu día por Lino Braxe.

«As que limpan», de A Panadaría

A programación semestral do circuíto autonómico en Ferrol péchase en xuño con danza, teatro e novo circo. Abre o mes o concerto de Martins Aneiros Band, o día 1, e haberá música de novo o día 6 coa presentación de 300 meses, o último proxecto discográfico de Marcos Mella.

En canto á programación de teatro, As que limpan, de A Panadaría e Ándale! Bon appétit!, de Ghazafelhos, están programadas para os días 8 e 9, respectivamente. A función de danza Fronterizas da compañía brasileiro-cántabra Mari Paula, chegará o 14 de xuño cunha peza inspirada nas propias vivencias da intérprete e coreógrafa que convida ao público a reflexionar sobre os corpos como ferramenta para experimentación. Latas, das circenses Cía. D’Click, mestura diversas linguaxes como as acrobacias ou o mastro chinés para construír unha peza chea de humor que poderá verse en Ferrol o 22 de xuño.

Remata a proposta da tempada da Rede Galega de Teatros e Auditorios no Jofre con Último verán en Santa Cristina, de Teatro do Noroeste, un repaso polas lembranzas dun neno na España franquista que chegará ao público ferrolán o 28 de xuño.

«Último verán en Santa Cristina», de Teatro do Noroeste

Na comarca de Ferrolterra 
Ademais, a Rede Galega de Teatros e Auditorios programa outras 22 funcións na comarca este semestre. O Auditorio de Narón, ademais da xa mencionada función de Protocolo del Quebranto o día 13 de xaneiro, ten previstas 11 pases máis ata o mes de xuño, con espectáculos e concertos de compañías e agrupacións como Sarabela Teatro, Pistacatro, ButacaZero ou Luar na Lubre, entre outras.

Pola súa banda o Auditorio Municipal de Cedeira comeza a programación do circuíto público da Xunta o día 27 e achegará ao público 6 propostas escénicas e musicais máis este semestre.

En Ortigueira e As Pontes de García Rodríguez, a Rede contribúe á programación escénica e musical coa exhibición de 7 espectáculos e concertos antes da chegada do verán.

Lea también

El concierto de Manu Sija cierra en Neda el festival itinerante Jazz de Ría

Jazz de Ría concluirá su décima edición este domingo 16 a mediodía en Neda. El …