Fene avanza as actuacións que realizará con cargo ao Plan Único

O Concello de Fene avanzou esta semana os proxectos que executará con cargo ao Plan Único (POS+) da Deputación da Coruña, unha contribución económica que ascende a 519.627,96 €, que se distribúen en 252.069,73 € correspondentes á Achega 2024; 195.503,59 € da Achega 2023; e finalmente, 72.027,64 € do chamado POS Social.

A proposta elaborada polo Goberno municipal de Fene, que foi trasladada esta semana aos diferentes grupos políticos, pasa por dedicar a totalidade do monto da Achega 2024 do POS, 252.096,73 € ao financiamento do gasto corrente municipal, isto é, aos consumos e subministracións necesarias para o funcionamento dos diferentes servizos que presta o Concello.

Desta maneira, ese mesmo importe pode liberarse do Orzamento municipal para poder realizar outras actuacións dunha maneira máis áxil, ao simplificarse a súa tramitación administrativa. No concreto, con este financiamento levaranse a cabo tres obras orientadas á mellora da rede de saneamento municipal: o Camiño Arriba, en Sillobre; o Camiño da Fonte, en Limodre; e o Camiño do Conde, en Maniños.

Por outra banda, o total da Achega 2023, que ascende a 195.503,59 €, vai ser investido no aglomerado de Buios, unha actuación que se completa con fondos propios até os 229.173,56 € totais do proxecto a executar.

“As tres actuacións de saneamento e o aglomerado que se levarán a cabo con cargo a este financiamento son actuacións moi necesarias, e que afondan no compromiso deste Goberno local por realizar investimentos nas diferentes parroquias”, sinalou o Concelleiro de Obras, Manuel Polo. Lembra Polo que só no 2023, o Concello de Fene destinou “máis dun millón de euros do POS á mellora de camiños e da rede de abastecemento municipal”.

Avance no Plan Complementario

Polo tamén avanzou que de cara ao POS Complementario, para o que a Deputación pide aos concellos que presenten proxectos valorados polo menos no 50% dos fondos asignados en previsión de xerar máis recursos durante o ano, o Concello de Fene incluirá tres proxectos.

O principal destes tres proxectos é o da renovación das tubaxes de abastecemento no cruzamento entre a avenida das Pías coa avenida Marqués de Figueroa, ao que se sumarán dúas actuacións de aglomerado, unha en Río Sandeo e outra en Cadavás.

O financiamento e posterior desenvolvemento destas actuacións ficará á espera da xeración das partidas necesarias no ente provincial.

Lea también

La Policía Local de Ares intervino en dos incidencias en la noche del sábado

  En la noche del sábado los efectivos de la Policía Local de Ares han …