O voceiro do grupo municipal socialista, Ángel Mato Escalona, perante a alarmante situación xerada pola aparición de pellets plásticos nos areais de Ferrol que xa afecta polo menos a cinco praias do noso termo municipal, presentou un escrito no rexistro xeral, solicitando a celebración dunha Xunta de Voceiros «urxente» para tratar dito asunto, así como a incidencia que ten para os areais do municipio ferrolán a aparición de pellets plásticos.
Así,mesmo, o concelleiro socialista quere coñecer se existen comunicacións interadministrativas en relación con este asunto e, especificamente, preguntou por protocolos de actuación e o procedemento para a solicitude de responsabilidade ao armador do barco que perdeu esta carga.
No mesmo escrito, Mato, reclama coñecer de primeira man as actuacións executadas polo Concello de Ferrol, ademais do seguimento dos traballos e a evolución dos mesmos.
Como asegurou, «Galicia está a sufrir unha nova catástrofe medioambiental e Ferrol non escapa á mesma, polo que, unha vez que xa sabemos da irresponsabilidade e inoperancia da Xunta do PP, queremos ter toda a información relativa ao que está a acontecer nas praias ferroláns, que por desgracia tamén están sendo receptoras destes pellets plásticos».
O ex alcalde socialista confía en que o rexedor dea resposta dun xeito inmediato, dada a relevancia e urxencia desta cuestión.