A Consellería de Sanidade vén de acordar unha nova ampliación da campaña de vacinación fronte a gripe e a covid-19, que se estenderá até o vindeiro 26 de xaneiro. Trátase do segundo período co que a Xunta amplía as datas para poder vacinarse de ambas infeccións respiratorias, xa que ata o de agora estaba previsto que a campaña rematase o vindeiro 12 de xaneiro.
Unha vez superado o período de vacacións do Nadal, a Xunta decidiu seguir facilitando a posibilidade de que se vacine a poboación que até de agora aínda non o fixera. Os últimos datos da Dirección Xeral de Saúde Pública rexistran unha taxa de positividade das probas de gripe do 27,9%, o que reflicte un descenso de 2,28 puntos porcentuais respecto da xornada de onte.
No que atinxe á cobertura de vacinación, até o momento, na comunidade galega vacináronse fronte á gripe un total de 802.646 persoas. Así, a cobertura vacinal en adultos acadou xa un 82% en maiores de 80 anos, e superou a cifra dos 36.000 menores de 5 anos que xa foron inmunizados, o que representa o 51,3%.
En canto á presión asistencial vencellada á gripe, o conxunto de centros hospitalarios que conforman o Servizo Galego de Saúde contan cun total de 844 persoas ingresadas (77 menos que onte), dos que se atopan na UCI 37 (6 menos que onte).
Porén, a Xunta mantén habilitado o sistema de autocita para vacinarse de ambas infeccións respiratorias (gripe e covid-19) no conxunto de hospitais da rede sanitaria pública galega. Neste senso, tanto as persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 59 anos -con algunha condición de risco-, como as persoas de 60 e máis anos, poden facer uso do sistema de autocita para seren vacinados no seu hospital de referencia.
Así mesmo, os nenos con idades comprendidas entre os 6 meses e os 11 anos -con algunha condición de risco- poderán solicitar a súa autocita a través da aplicación Sergas Móbil. Os horarios e lugares de vacinación poden consultarse na seguinte ligazón web:
https://coronavirus.sergas.es/Contidos/PUNTOS-VACINACION-COVID-GRIPE-2023
As persoas que soamente queiran vacinarse contra a gripe -e non da covid-, tamén poderán acudir ao seu centro de saúde, previa solicitude de cita. A Conselleira de Sanidade lembra a importancia da vacinación para facer fronte as infeccións por virus respiratorias, o uso da máscara en persoas con síntomas ou vulnerables, a hixiene de mans e a ventilación de espazos pechados.