O Café Teatro do Pazo de Narón acolle “O quebranto da guerra”

O Café Teatro do Pazo da Cultura de Narón acollerá o vindeiro venres 12, “O quebranto da guerra”, un diálogo dende o xornalismo e a cultura sobre os conflitos bélicos.

A convocatoria dará comezo ás 20:30 horas e na mesma participarán recoñecidos profesionais do sector, como Nico Castellano, Anna Surinyach, Ebbaba Hameida e Mario Vega. A entrada é libre ata completar a capacidade do Café Teatro.

O xornalista da Cadena SER Nicolás Castellano está especializado en migracións, cooperación e desenvolvemento. Foi enviado especial en catástrofes naturais, cubrindo algunhas como o terremoto de Haití de 2010 ou o tsunami de Xapón en 2011 pero tamén emerxencias humanitarias, como a epidemia do ébola en África Occidental, a hambruna de Somalia… e realizou reportaxes en máis de medio cento de países. Na súa dilatada traxectoria profesional obtivo numerosos premios.

Anna Surinyach é fotógrafa documental e editora gráfica da revista especializada en información internacional 5W. Centrou o seu traballo en documentar os movementos de poboación en numerosos lugares do mundo, fotografiando a situación de persoas desprazadas en Sudán do Sur, Nixeria, Chad, Yemen, Siria… e documentando as rutas migratorias en América, África e Europa.

Tamén documentou coas súas fotos a situación de mulleres que fuxen dos seus fogares debido á violencia, pobreza ou falla de oportunidades, podendo ver o seu traballo en medios nacionais e internacionais.

Outra das participantes, Ebbaba Hameida é tamén xornalista, integrante da xunta directiva de Reporteros Sin Fronteras España. Vencellada actualmente a Radio Televisión Española, e tras publicar na sección de internacional de recoñecidos medios, Hameida realizou varias coberturas internacionais como a guerra de Ucraína, a hambruna en Somalia, a crise migratoria en Melilla, Ceuta… o declive da situación económica no Líbano, etc.

Ao longo da súa carreira profesional obtivo tamén numerosos premios.

No diálogo do venres tamén poderemos coñecer a traxectoria profesional de Mario Vega, fundador da compañía Unahoramenos Producciones, encargada de proxectos de xestión cultural, distribución e producción. Vega é tamén director de recoñecidos espectáculos, impulsor de proxectos de artes escénicas, como Segunda Lectura (2022) co que pon en escena grandes títulos da literatura universal.

Mario Vega acumula numerosos recoñecementos, e co espectáculo Moria convertiuse na primeira compañía canaria en gañar un Premio Max de teatro.

Esta convocatoria do diálogo destes catro profesioais precederá á representación, o vindeiro sábado 13 -20:00 horas- de “Protocolo del quebranto”, un espectáculo da compañía Unahoramenos Producciones, protagonizado por Crezk, un home que persegue territorios en guerra, que trafica con armamento e que vive atrincheirado con Nadia, unha muller moi estraña.

As entradas poden adquirirse dende 8,40 euros (abonados, desempregados e persoas con carné xove ou de estudante) no despacho de billetes do Pazo da Cultura ou a través da web: www.padroadodecultura.gal

Lea también

Narón acoge en el CC Odeón la exposición de Roberto Marín, ‘Una mirada cofrade’

La plaza de Eventos del Centro Comercial Odeón ha inaugurado este viernes 11 la exposición …