Moeche despide 2023 cun mercado e da a benvida ao ´24 coa festa de Aninovo

O recinto do Mercado de Moeche volverá ser espazo de referencia por dous motivos. O primeiro é que este sábado 30 o mercado semanal celebrará os seis anos de vida ofrecendo toda a súa variedade habitual xunto co sorteo dunha fantástica cesta cargada de produto alimentario.

O segundo argumento é que na noite de Aninovo, a partir da 01:00h, a nave acollerá a festa de benvida ao 2024 organizada pola comisión de festas de San Xurxo, con entrada gratuíta, música e prezos populares. 

O mercado deste sábado será unha nova oportunidade de conseguir produtos frescos e elaborados para repoñer as despensas de cara aos xantares e ceas de fin de ano, ademais de adornos e agasallos.

Desde que abrise as súas portas por primeira vez, hai seis anos, a cita semanal consolidouse como punto de encontro veciñal e como lugar no que abastecerse de pan, empanadas, doces, queixos, verdura, froita, artesanía e, de novo desde hai uns meses, tamén peixes e mariscos.

O sexto aniversario celebrarase en dúas veces: o citado sábado co sorteo dunha cesta chea de produtos de Nadal, e o sábado da semana que vén, 6 de xaneiro, rifando á mesma hora un lote de produtos de beleza. Os sorteos de ambos días serán presenciais, as papeletas conseguirémolas con cada compra que fagamos, e desenvolveranse ás 13:30h.

Fin de ano coa comisión de festas de San Xurxo

A nave do Mercado de Moeche tamén será escenario da última actividade do ano…mellor dito, da primeira actividade de 2024. E é que a partir das 01:00h da noite de Aninovo, a do domingo para luns, que ninguén se confunda, alí terá lugar unha grande festa con entrada libre para darlle a benvida ao novo ano.

Da organización encárgase a comisión de festas do San Xurxo, ofrecendo unha sesión de picadiscos, sorteos e chocolate con churros, ademais de consumicións con prezos axustados.

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …