Cedeira súmase á xestión compartida do centro A Fusquenlla

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira aprobou recentemente o convenio de colaboración para sumarse á xestión compartida do Centro Comarcal de Apoio ao Emprendemento e ao Desenvolvemento Rural A Fusquenlla.

O servizo contou nos seus primeiros anos, desde 2018, co respaldo dos municipios de Cerdido, Moeche, San Sadurniño e Valdoviño, aos que agora se sumarán Cedeira e Fene.

O centro A Fusquenlla está situado no recinto feiral de Moeche. É un espazo creado para facilitar  que as persoas que teñen unha pequena explotación agraria ou apícola poidan contar con instalacións e maquinaria axeitada para transformar os seus excedentes, ben sexa para o autoconsumo ou para a venda.

Forma parte da Rede Provincial de Espazos Colaborativos de Traballo e boa parte da súa actividade está orientada á formación. De feito, para poder producir nas instalacións é preciso facer un curso sobre hixiene, trazabilidade alimentaria, seguridade e manexo do equipamento.

Os custes do funcionamento do centro, descontados os ingresos polas taxas que pagan as persoas usuarias e as subvencións, repártense a partes iguais entre os concellos colaboradores. O alcalde de Cedeira, Pablo Diego Moreda Gil, destacou que o Concello quere contribuír ao desenvolvemento local participando na xestión destas instalacións, que no tempo que levan funcionando xa teñen amosado o seu interese para o emprendemento.

Segundo dixo, son varias as persoas de Cedeira que empregan o centro e o seu equipamento para procesar os seus produtos.

Moreda subliñou tamén que os obxectivos e a filosofía do centro A Fusquenlla concorda plenamente coa estratexia do Xeoparque Cabo Ortegal de promover o desenvolvemento sostible do territorio.

Do éxito das instalacións fala o bo número de produtores que as empregan para preparar as súas conservas con vexetais de horta ou froita, zumes, marmeladas, mel, etc, e a lista de espera que teñen os seus cursos de formación.

Lea también

Rueda subraya la inversión en infraestructuras del agua en Ares para impulsar el turismo de calidad

El presidente de la Xunta destaca la necesidad de servicios «a la altura» del entorno …