A Deputación da Coruña apoia o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, firmou un convenio de colaboración coa Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar), polo que se instrumenta unha subvención nominativa de 100.000€ para o cofinanciamento do “XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Sada 2023”. A achega da Deputación supón un 70% do orzamento total do proxecto.

Este evento consiste nunha conmemoración marítima bienal e itinerante que congrega ás diferentes tipoloxías de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego e doutras zonas xeográficas, acompañada de actos culturais e de lecer, xornadas de converencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional e artesanía, entre outras actividades complementarias.

Xosé Regueira destacou o “innumerable patrimonio marítimo de Galicia”, agradecendo o labor de entidades como Culturmar  para a súa posta en valor, “un traballo que non podemos máis que apoiar dende a Deputación”, sinalaba, “e que agradecemos e aplaudimos, apostando por unha extensa programación que vai máis aló do propio evento”.

Celebrado en Sada o pasado mes de agosto, o XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia acolleu a máis de 100 embarcacións de diferente tipoloxía (dornas, botes, chalanas, galeóns…) que encheron a ría, e tamén o paseo marítimo cun amplo programa de actividades culturais relacionadas co mar. 

Lea también

As Pontes e Cerceda recorren contra a Xunta polo reparto «inxusto» dos Fondos de Transición Xusta

O alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso solicita ao goberno autonómico a suspensión e …