Un total de sete docentes procedentes de Turquía estiveron esta semana en Narón visitando diferentes centros de ensino para coñecer, xunto cos integrantes do equipo de Educación Viaria do Concello o traballo que se realiza co alumnado nesa área.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Seguridade Cidadá, José Oreona, recibiron á comitiva no salón de plenos. Ferreiro interesouse por coñecer a valoración que realizaron os docentes sobre as visitas realizadas estes días aos colexios Ponte de Xuvia, A Gándara e A Solaina, o centro da Asociación Nuestra Señora de Chamorro, e o centro de ensino especial Terra de Ferrol.
Así mesmo, participaron en propostas como unha saída en patinetes e bicicletas, nun obradoiro de decoración de patinetes e cascos, e un obradoiro co Basketmi (baloncesto en cadeira de rodas). A rexedora local preguntou aos docentes turcos como era o sistema de traballo nesta área no seu país e tamén ofreceu colaboración para poder realizar actuacións conxuntas no ámbito da educación viaria.
Ao respecto, está previsto presentar un proxecto ao programa Erasmus conxuntamente entre Turquía e Narón, co fin de dar a coñecer noutros países o labor que se desenvolve na cidade na área de Educación Viaria coa comunidade educativa, tamén con alumnado de educación especial ao longo do curso escolar.
A pasada semana visitaron tamén a cidade outras trece persoas procedentes de Turquía e estiveron nalgúns centros da cidade de educación Infantil e Primaria.
A alcaldesa e o edil naronés agradeceron a visita dos docentes e ofreceron colaboración do Concello para continuar avanzando nesta materia. Así mesmo, realizaron un intercambio de agasallos e sacaron unha imaxe de recordo da visita no salón de plenos.