Comeza o Obradoiro dual de emprego Reinicia X

Esta semana deu comezo o Obradoiro dual de emprego Reinicia X, promovido polo Concello de Fene, xunto cos concellos de Ares e Mugardos.

Conta con dúas especialidades, e nel participan un total de 20 alumnos traballadores, 10 por cada especialidade. A especialidade de carpintería, impartida no Nivel 1, conta con dúas certificacións: traballos de carpintería e moble e aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble.

Os traballos desenvolveranse na nave de formación que o Concello de Fene ten en San Marcos, e durante o período de formación, realizarán mobiliario de oficina para as dependencias municipais do Concello de Fene, a substitución do peche perimetral das cabinas de soldadura da nave de formación de San Marcos (Fene), mobiliario urbano en madeira para o Concello de Mugardos e fiestras para o Mosteiro de Santa Catalina, no Concello de Ares.

Pola súa banda, a especialidade en atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais desenvólvese no Nivel 2, e a súa formación realizarase nas instalacións que o Concello de Mugardos ten en Franza. Ademais, as dez persoas participantes realizarán prácticas no Centro de Día de Caamouco.

“Estes obradoiros son unha moi boa ferramenta para que o alumnado participante poida adquirir competencias en dúas especialidades que están a ser moi demandadas polo mercado laboral actual, ao tempo que a súa contratación permite que estas persoas poidan construír o seu proxecto de vida nos nosos concellos”, sinalou a Concelleira de Formación e Emprego do Concello de Fene, Cristina García.

Persoas contratadas

Cunha duración dun ano, o alumnado traballador terá un contrato laboral de 40 horas semanais, no que cobrará o Salario Mínimo Interprofesional. Estas persoas foron preseleccionadas mediante unha oferta de emprego en cada unha das especialidades tramitadas no Servizo Público de Emprego de Galicia, procedéndose logo á selección definitiva, dando prioridade ás persoas desempregadas dos concellos organizadores.

Un total de 11 persoas de Fene formarán parte do alumnado – traballador seleccionado para participar no obradoiro Reinicia X, 6 na especialidade de carpintería e 5 no de atención sociosanitaria. Os concellos de Mugardos e Ares contarán con 4 e 5 alumnos, respectivamente.

Ademais, para o desenvolvemento e xestión do obradoiro Reinicia X contratáronse cinco persoas para ocupar os postos de dirección (1), docencia de cada unha das especialidades (2), docencia de ensino básico e docencia de formación empresarial e titorización (1).

Financiamento

O Obradoiro de emprego Reinicia X conta cunha subvención da Consellaría de Emprego da Xunta de Galicia de 531.046,20 € para o financiamento dos custes de formación e a contratación das 20 persoas que participan como alumnado traballador. Ademais, tamén se conta cunha subvención de 7.500 euros adicionais para incentivos á contratación ao remate do período formativo.

Lea también

As Pontes mejorará la red de saneamiento en su casco histórico

El Ayuntamiento de As Pontes ha previsto acometer la mejora de la red de saneamiento …