Ampla programación de Nadal en Narón

A concelleira de Festas, Mar Gómez, presentou a programación de Nadal do Concello de Narón.

Na xornada deste venres comezarán a desenvolverse varias propostas dirixidas a persoas de todas as idades e que se levarán a cabo en diferentes ubicacións do termo municipal, tal e como indicou a edil. O Navitrén que percorrerá algunhas das principais vías da zona urbana comezará a funcionar o citado venres.

En colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón o Concello pon de novo en marcha esta proposta, de balde e para a que os nenos deben obter os tickets da viaxe por compras realizadas nos establecementos adheridos á campaña.

O Navitrén sairá os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro e o 2, 3 e 4 de xaneiro da estrada de Castela, nas inmediacións da Casa da Cultura. Terá dous percorridos, un curto que se realizará en horario de tarde pola estrada de Castela, as rúas Rafael Bárez, Vigo, a avenida Concepción Arenal, estrada da Gándara e Bispo Argaya, e outro máis longo, en horario de mañá dende o Concello ata o muíño de Xuvia, pola estrada de Castela.

As saídas serán ás 12:00 e 13:00 horas pola mañá e ás 16:00, 17:00. 18:00, 19:00 e 20:00 horas polas tardes. Tamén abrirán as súas portas os Poboados de Nadal, instalados na Praza da Gándara e que estarán operativos ata o 5 de xaneiro, excepto nas xornadas dos días 25 de decembro e 1 de xaneiro.

As persoas que se acheguen poderán realizar algunhas compras nos postos instalados, e tamén participar en diferentes xogos, pesca-pica, o porquiño comedoiro, caldeiro ball, toca a campá, atrapa patos, peta globos e o xogo da rá.

Haberá tamén un espectáculo con animación musical, “Cantabaila”, o día 26 ás 17:30 horas, e unha festa infantil de Fin de Ano, o día 30 de decembro tamén ás 17:30.

O Circo Mágico de Navidad regresa tamén o venres e sábado ao Pazo da Cultura, con funcións mañá ás 20:00 horas e o sábado ás 17:30 e ás 20:00 horas. As entradas poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura.

As propostas continuarán este sábado 23, co “Torneo de Nadal de Xadrez” organizado polo Concello e o Círculo Xadrez Narón no local social do Alto, de 10:00 a 18:00 horas e o “XIV Torneo de voleibol Cidade de Narón”, organizado co Club Narón Volea, no pavillón Campo da Serra e que dará comezo ás 9:00 horas.

O sábado regresa tamén unha nova edición, a décimo terceira, da “Xornada moteira solidaria”, organizada co Motoclub Fojeteiros, que sairá ás 16:30 horas das inmediacións da Praza de Galicia e para a que haberá algunhas restricións no tráfico ao paso da mesma.

Os moteiros, vestidos para a ocasión, sairán cara á avenida Souto Vizoso para dirixirse á estrada de Castela e a Ponte das Cabras para dende alí invertir o sentido da marcha para ir á Concepción Arenal, Pintor Sotomayor, estrada da Gándara, avenida Souto Vizoso, Camiños da Veiga e Cornido, estrada Conde Fenosa, estrada de San Xiao, estrada de Castela e rúas 25 de Xullo e 10 de Marzo para regresar de novo á Praza de Galicia.

Está prevista a chegada a esta última ubicación ás 17:15 horas, onde amenizarán a xornada a charanga de Alxibeira e O aghrú das Pepas, haberá unha chocolatada e recibirase a Papá Noel. Na citada ubicación haberá un espazo para doar alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes para o Centro de Recursos Solidarios de Narón. Xa pola noite, tamén o sábado, será o festival Rock Narón, coas actuacións de “La Fuga”, “Cranio” e “NoRem” a partir das 22:00 horas baixo a carpa da Praza de Galicia. A entrada é de balde.

O vindeiro martes, día 26, a Biblioteca municipal acollerá un obradoiro de cantos de Nadal, organizado en colaboración coa Asociación de Comerciantes de Narón. Está aberto á participación da cidadanía en xeral e impartirano Pablo Díaz e Olga Kirk, que sairán cos asisitentes a cantar por locais comerciais da zona do Alto. A proposta require inscrición previa na propia Biblioteca.

O venres 29 de decembro celebrarase o Concerto de Fin de ano da Xove Banda de Narón e a Banda infantil da Agrupación Cultural Musical Sementeira. Será ás 19:30 horas no Pazo da Cultura e a entrada, que se pode adquirir no despacho de billetes do Pazo- ten un prezo de dous euros.

O 31 de decembro retomarase outra das citas deportivas tradicionais da cidade, a “Trintaeundoce”, a San Silvestre naronesa, organizada coa Agrupación Deportiva Náutico de Narón. Dará comezo ás 16:30 horas e os participantes, en función da idade, realizarán un percorrido diferente por un tramo da estrada de Castela.

As inscricións poden tramitarse ata o día 25 ás 23:59 horas a través da web: www.galitiming.com. O 1 de xaneiro, tralas campanadas, sobre as 01:00 horas, dará comezo a Festa de Fin de ano, baixo a carpa da Praza de Galicia e con entrada de balde.

Despois da sesión de fogos de artificio actuarán a orquestra Olympus e o grupo Claxxon. A programación de Nadal rematará coa Cabalgata de Reis, o día 5 ás 18:00 horas con saída da Praza do Colexio de Xuvia, un pasarrúas pola estrada de Castela e a recepción aos Reis Magos na Praza de Galicia.

Aínda permanece aberto o prazo para inscribirse como paxe nas carrozas da comitiva, podendo facelo menores de 3 a 16 anos. As persoas interesadas poden tramitalas ata o vindeiro martes, día 26, na Sede Electrónica do Concello ou a través do Rexistro.

O sorteo das prazas, 36 para menores de 3 a 12 anos e nove para os de 12 a 16, será público e terá lugar o día 27 de decembro, ás 13:00 horas, no salón de plenos do Concello. As nenas e nenos que o desexen poden xa deixar as súas cartas aos Reis nos buzóns instalados para tal fin na entrada do Concello, na Biblioteca municipal, no Pazo da Cultura e no complexo polideportivo municipal da Gándara.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …