O Concello de Cedeira inaugura este sábado 23 de decembro, ás 13.00h, a Exposición Permanente da Colección Rafael Usero no Palacete Municipal.
O concelleiro de Cultura, José Antonio Rodríguez, invitou á toda a veciñanza ao acto e a coñecer
os obxectos que o Cronista Oficial da Vila foi recollendo ao longo dos seus anos como profesor de
Historia no IES Punta Candieira e tamén despois, xa xubilado.
Usero compartiu co alumnado as súas pescudas sobre o pasado da localidade, de maneira que os nenos, e a través deles tamén as familias, involucráronse levándolle diferentes achados e pezas que estaban nas casas.
O concelleiro José Antonio Rodríguez recordou que o pleno da corporación cedeiresa aprobou xa no ano 2021 o acordo para poñer en valor a colección de Rafael Usero, cumprindo unha vella aspiración do profesor, e que o anterior goberno puxo en marcha, sendo concelleira de Cultura Ermitas García, a adecuación das dúas salas da planta baixa do Palacete Municipal para acollela,
así como outras tarefas como o inventariado, a catalogación e a recuperación dalgunhas pezas.
Subliñou que a mostra é unha construción colectiva de moitos veciños de Cedeira, de todas as persoas que fixeron a Usero depositario destes obxectos. Na colección ten particular peso a presencia de machados prehistóricos, ferramentas que se conservaron porque a xente lles atribuiu propiedades máxicas.
Porén, a exposición reúne obxectos de épocas e natureza moi diferente, desde pezas cerámicas ou de madeira, algunhas delas procedentes de antigas igrexas parroquiais como por exemplo un frontal de 1718 do retablo de San Román de Montoxo.
A exposición poderá visitarse no horario habitual da Oficina de Turismo, que ocupa tamén parte da planta baixa do Palacete Municipal: de luns a venres, de 09.00 a 14.30 e os sábados de 10.00 a 14.00h.