Neda asume o compromiso de melloras no Belelle e no Basteiro para acabar coas riadas

O Concello de Neda asume, sen axuda de Augas de Galicia, o compromiso de promover melloras no Belelle e no Basteiro para acabar coas riadas.

Asumirá a redacción do estudo completo de situación dos ríos Basteiro e Belelle, os proxectos técnicos das posibles actuacións para evitar que se repitan na zona das Augas e de Santa María inundacións como a rexistrada o 14 de novembro, e o financiamento das posibles obras.

A decisión do alcalde, Ángel Alvariño, chega tras unha reunión co xerente de Augas de Galicia, que deixa en mans da propia veciñanza e do Concello as medidas de autoprotección a adoptar ante novas riadas.

Este xoves 21 a partir das 12 horas, está convocada unha reunión cos voceiros municipais e máis cos representantes da Plataforma de afectados para trasladar ao detalle o contido do encontro e avanzar liñas de actuación.

Augas de Galicia, entidade pública empresarial dependente da Xunta, achaca as periódicas riadas á construción décadas atrás das vivendas en zona inundable. En liñas xerais, recomenda adaptar o PXOM; suxire ao Concello dotarse dun plan de emerxencias ante inundacións, e apunta como posible mellora a “ampliación da Pontegrande” para redistribuír o caudal entre os dous ríos. Con todo, máis alá da limpeza no tramo interurbano do leito fluvial que, a todas luces chega tarde, “a Xunta non ten previsto axudar a Neda”, conclúe o rexedor.

Dende o Concello lamentan a decisión, e lembran que, dende as inundacións do 2016, o goberno local vén reclamando sen éxito a reforma de varias presas que desvían auga ao Basteiro cando o Belelle chega a un determinado nivel. Unha petición que foi reiteradamente ignorada.

O alcalde de Neda explica que, en función do que conclúa o estudo municipal, xa adxudicado e avanzado, decidiranse as actuacións a adoptar, entre outras, a posible ampliación da Pontegrande, e buscaranse os fondos precisos para poder executalas. Con todo, advirte o rexedor de que paradoxalmente calquera obra que propoñan deberá contar co visto e prace de Augas de Galicia.

O citado xoves a partir das 12 horas, está convocada unha reunión na Casa Consistorial cos voceiros dos distintos partidos con representación municipal e máis cos representantes da Plataforma de Afectados para analizar a situación a avanzar posible liñas de actuación.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …