A alcaldesa de Narón asina convenios de Promoción Económica por 60.000€

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, asinou un total de seis convenios de colaboración na área de Promoción Económica por un importe conxunto de 60.000 euros.

A Confraría de Pescadores Santiago Apóstol de Barallobre, presidida por Jorge López; a Confraría de Pescadores e mariscadores de Ferrol, á fronte da que está Gustavo Adolfo Chacartegui; Terra Rendible, presidida por Francisco Javier Castro; a Asociación de Jóvenes Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal, con Alma Yadira Tenreiro como presidenta; a Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, presidida por Cristóbal Dobarro e a Asociación de Empresarios Ferrolterra, con Ángel Torreiro como presidente, son as entidades coas que se asinaron os acordos de colaboración económica.

A rexedora local destacou o labor que desenvolven estas entidades e asociacións en materia de promoción económica.

“Dende o Concello de Narón continuaremos ofrecendo a nosa colaboración co fin de que estas entidades continúen cooperando co Consistorio e, polo tanto, cos veciños da nosa cidade, ofrecendo orientación, formación nalgúns casos, asesoramento, promovendo diversas actividades ao longo do ano e incluso organizando algúns eventos”, destacou Ferreiro.

A alcaldesa da cidade incidiu en que “todas estas entidades representan a colectivos cunha importante labor na nosa cidade, cuxo traballo diario é fundamental para dispoñer dunha serie de ferramentas, recursos e actividades de interese social e que contribúen á dinamización e o desenvolvemento económico de Narón”

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …