O xogo “Avy, Fábulas da Noite”, nado como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos que se imparte na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), consegue o galardón ao Xogo coa Mellor Arte na X edición do Premios iokool PlayStation Talents que promove Sony Interactive Entertainment España. O acto de entrega de distincións tivo lugar, o pasado martes 12 de decembro, ás 19.00 horas, nos Cines Callao de Madrid e puido seguirse en directo a través da canle de Twitch de PlayStation España.
Os integrantes do estudio Gamespond e antigos alumnos do Campus Industrial de Ferrol, Alicia Puentes, Diego Pérez, George Neighbour, Mónica García, Juan García e Sergio García, recibiron este galardón da man do director xeral da Asociación Española de Videoxogos (AEVI), José María Moreno, logo de estaren tamén nominados ao Premio á Mellor Historia Orixinal, ao Mellor Xogo para a Prensa e á Mención Especial Compromiso PlayStation.
A historia de Avy, unha nena que viaxa a unha illa de fantasía e pesadelos repleta de xoguetes acadou o Premio ao Mellor Xogo Cozy na IndieDevDay de Barcelona o pasado mes de setembro. Uns meses antes, gañaba o Premio Especial da Crítica e o Premio ao Xogo con Mellor Arte no Kokoro Japan Expo de Vigo. En 2022 foi finalista na categoría ao Mellor Xogo Cozy no Guerrilla Game Festival de Madrid e gañou o Premio de Prata na Sección Indie no Videoxogando que tivo lugar en Soutomaior (Pontevedra).