Se ultiman os preparativos do Festival Rock Narón e a “XIII Xornada Moteira Solidaria”

 
A praza de Galicia acollerá o día 23 o tradicional Festival “Rock Narón” organizado polo Concello de Narón. A edil de Festas, Mar Gómez, presentou o evento, que terá lugar o mesmo día que a “XIII Xornada Moteira Solidaria” que o Consistorio organiza un ano máis co Motoclub Fojeteiros.
 
En representación deste último, estiveron na presentación Paco Galaso, Vanesa Galaso e Fran Paredes, vogais do mesmo, para anunciar a convocatoria xunto coa edil naronesa. A “XIII Xornada Moteira solidaria” dará comezo ás 16:30 horas das inmediacións da Praza de Galicia.
 
A maiores de integrantes do Motoclub Fojeteiros son cada ano centos de persoas, que doutros clubs ou a título particular, se suman a esta convocatoria, acudindo coas súas motos e vestidos de Papá Noel para percorrer algunhas das rúas da cidade.
 
Os participantes sairán cara á Ponte das Cabras e percorrerán tramos das estradas da Gándara e Castela, Camiños da Veiga e Cornido, avenida Conde de Fenosa, e zonas de San Xiao e Xuvia para dirixirse novamente á Praza de Galicia, onde prevén chegar de volta do percorrido sobre as 17:15 horas.
 
“Alí teremos unha chocolatada para a xente que veña á carpa que se instalará na praza e actuará a charanga de Alxibeira e tamén a formación O aghrú das Pepas, amenizando esta xornada moteira”, indicaron dende Fojeteiros.
 
Como é tradicional cada ano, na praza de Galicia habilitarase un espazo no que se poderán doar roupa, xoguetes e alimentos non perecedoiros que se entregarán ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Dende o Motoclub Fojeteiros indicaron que paralelamente están levando a cabo esta mesma campaña solidaria en colaboración con varios establecementos comerciais da cidade, debidamente sinalizados.
 
Así mesmo, o día 23 pola noite, a partir das 22:00 horas, dará comezo unha nova edición do festival “Rock Narón”, tal e como avanzou Mar Gómez.
 
Actuará baixo a carpa instalada na Praza de Galicia o grupo “La Fuga”, de Cantabria e cunha gran traxectoria musical, que inclúe preto dun milleiro de concertos e dez discos publicados ata a data de rock and roll. No ano 1997 gravaron a súa primeira maqueta, “El Camino”, defendendo en todo momento a validez do directo no rock e como un pretexto para continuar presentándose ante o público.
 
A día de hoxe está considerada como unha das mellores bandas de rock nacional. Gómez avanzou que tamén actuarán neste festival rock outras dúas formacións: Cranio, unha banda de heavy metal integrada por persoas da comarca influenciadas pola música da década dos 80 con letras moi persoais e un sonido actual, tal e como indican.
 
O terceiro grupo que actuará será NoRem (Noites de Rock e Meigas), de música rock e afincados en Miranda de Ebro e creado no 2017, levando o folk galego e celta dende Burgos a diferentes partes do mundo. Gaiteiros, pandereiteiras, percusionistas e cantareiras únense con batería, baixo e guitarra eléctrica dando lugar a un estilo que non deixará indiferente a ninguén.
 
A primeira formación en actuar será Cranio, ás 10:00 horas, para seguir sobre as 11:30 horas con La Fuga, e rematar o festival co concerto de NoRem.
 

Lea también

Un nuevo crucero, el «Sojourn», visitó Ferrol este viernes. Se espera otro este domingo

Cris Pita Con el eco aún de las gaitas que despedían al «Mein Schiff 1» …