O creador da saga El Guardián de las Flores, Rober Cagiao (Bañobre, Miño, 1976), regresa despois de máis dun ano de parón cunha nova novela baixo o brazo. Trátase de Entroido, unha historia de misterio en galego que xa ten data de presentación para Ferrol: este mesmo sábado, 9 de decembro, ás 17:00 h. no Centro Cívico de Canido.
Ademais, será un acto que formará parte dunha programación máis ampla dentro da I Edición de “Canido entre Letras”, unha xornada festivo-literaria que aglutina charlas, sinaturas de autores locais, recitais de poesía e actuacións musicais, materializada a partir da colaboración entre o Centro Cívico do barrio e a Asociación Galega de Escritoras e Escritores (AGER).
Entroido, unha historia a cabalo entre A Coruña e Barcelona. A nova obra de Rober Cagiao narra a investigación policial detrás do asasinato dun gran empresario catalán, Tony Torres, en Barcelona. A inspectora Lola Xallas, descendente dunha das vítimas do asasino do martelo, unha figura que sembra o pánico na Galicia de comezos do século XXI, investigará o caso e comezará unha carreira na que o pasado retornará constantemente enmascarado entre traizóns, mentiras e unha caza mortal.
Co lanzamento desta novela, Rober Cagiao continúa desenvolvendo as características que o definen como autor, coa novela negra como xénero preferido, mais se introduce nunha nova etapa literaria, algo que xa tiña en mente dende tempo atrás. “Ao longo dos meus libros, construín historias nas que Galicia sempre era unha personaxe máis. Pero eu quería ir máis aló: desexaba achegar o meu gran de area ao ecosistema literario galego, pero sobre todo sacar peito de nacer entre xestas e toxos, coa néboa e coa choiva sempre ao carón”, salienta o escritor miñense.
Así, Cagiao asumiu o compromiso persoal de non publicar libro novo ata que fora en galego. Neste caso, Entroido é o resultado desa máxima, e sae ao mercado cunha particularidade: publícase baixo o selo dunha editorial murciana, Knowmadas Books.
“Vexo como moi positivo que Entroido posicione o idioma galego en novos espazos, que expanda as fronteiras, e aínda por riba que o faga cunha editorial que decide apostar polo mercado de Galicia, aínda sen estar radicada aquí; é unha moi boa dinámica”, declarou Cagiao, que tamén enfatizou a distancia entre a edición en galego e a de castelán: haberá 4 meses de marxe.
Contabilizando as obras previas e sumándolle esta última, Rober Cagiao alcanzará as 14 novelas publicadas dende 2019, cando tomou a decisión de cambiar a súa vida, deixando un posto de traballo nun supermercado para centrarse na literatura e na súa carreira como escritor. Dende entón ata agora, Cagiao gañou o Premio Círculo Rojo á Mellor Novela de Misterio (2020) e contou cun forte respaldo do público lector: ás súas costas acumula, aparte de moitos quilómetros de xiras literarias, máis de 100.000 libros vendidos entre todas as súas historias.