Actividades e propostas de ocio en Ferrol para o Nadal

Tras o acendido das luces o pasado martes, o Concello de Ferrol porá á disposición da cidadanía numerosas actividades e propostas de ocio para todos os públicos nestas datas de Nadal que servirán para encher as rúas da cidade. Entre elas, destaca o mercado de Nadal, o iglú de Papá Noel, o cine 360º ou as cabalgatas de Reis, que porán o broche final á programación.

Na xornada do 8 de decembro, Iria Estévez Trío actuará no centro cultural Torrente Ballester.

O 9 de decembro as propostas serán variadas: desde a masterclass de fotografía pictórica de grupos con Edu Pereira no Arsenal de Ferrol, ata o pincho ilustrado con Daniel López de O Camiño do Inglés no castelo de San Felipe, ata o concerto de Catuxa Salom tamén en San Felipe.

A xornada completarase cun percorrido fotográfico guiado polo palacio de Capitanía e Exponav.

Blanca Escrigas e Fer Patiño pintarán Ferrol o 10 de decembro, día no que Cristina Montero realizará unha exhibición da danza e Desiré Pillado e Bea García representarán unha peza de microteatro. Todas estas propostas desenvolveranse no centro cultural Torrente Ballester.

O Mercado de Nadal abrirá os seus postos na praza de Armas o 15 de decembro e permanecerá á disposición da cidadanía ata o 5 de xaneiro, en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

Do 18 ao 24 de decembro Papá Noel instalará o seu iglú na praza de Amboage. Ademais, os máis pequenos tamén se poderán divertir na xogoteca que estará dispoñible no Antigo Hospicio os días 22, 23, e do 26 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro.

O ambiente de Nadal en Ferrol alcanzará un dos seus puntos álxidos os días 22, 23 e 24 con panxoliñas nas rúas do centro histórico. Tamén haberá panxoliñas no mercado de abastos os días 22, 23 29 e 30 de decembro.

Á maxia propia do Nadal sumarase a de Magic Mateo, que actuará o día 23 ás 18.00 horas no centro cultural Torrente Ballester. Nesa mesma xornada, o Apalpador realizará un pasarrúas polo centro da cidade.

A cabalgata de Papa Noel sairá de Catabois recorrendo varias rúas para chegar á praza de Armas onde recibirá aos nenos

As propostas do Concello de Ferrol nestas datas continúan con cine itinerante en diversos espazos da cidade do 26 ao 30 de decembro e o día 28 celebrarase a festa de Nadal de Apego no Antigo Hospicio. Tamén haberá cine 360º na praza de Amboage do 28 ao 30 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro.

Para rematar, as cabalgatas de Reis porán o broche final á programación de Nadal.

O día 3 de xaneiro a cabalgata percorrerá A Malata, Esmelle, Covas, San Xurxo, O Lago, Doniños, Brión e Valón, mentres que o día 4 desprazarase ata A Malata, A Cabana, Serantes, Viladóniga, Pazos, Mandiá, Marmancón e Santa Icía. O día 5 de xaneiro pecharanse os actos destas datas coa cabalgata de Reis na zona urbana.

Toda a información relativa a ubicacións e horarios está dispoñible no folleto que se adxunta, o enlace e tamén pode consultarse na páxina web do Concello de Ferrol.

 

Enlace Programación Nadal 

Lea también

El Foro Cidadán polo Ferrocarril de Ferrol pide al BNG retirar su Proposición No de Ley en el Parlamento de Galicia

El objetivo, dicen, es que no se produzca una «ruptura» en el consenso para reclamar …