Cedeira pon en marcha o campamento Concilia no Nadal

O Concello de Cedeira recupera este ano o campamento Concilia para ocupar con xogos e actividades as mañás dos nenos nados entre os anos 2011 e 2018 e facer compatible a vida familiar e laboral durante as vacacións de Nadal.

O programa funcionará nos días laborables entre o 22 de decembro e o 5 de xaneiro, ambos incluídos, entre as 09.00 e as 14.00 horas. Hai un total de 60 prazas e as solicitudes poderán presentarse ata o día 14 de decembro.

O campamento Concilia estará atendido por tres monitores que desenvolverán moi diversas actividades cos nenos. Haberá xogos inchables, karaoke, photomaton con impresora, labirinto, obradoiros con materiais de refugallo…

Nas bases do campamento Concilia establécese que cinco das 60 prazas disponibles serán para nenos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%. Na inscrición, terán preferencia os menores empadroados en Cedeira, e a continuación aqueles cuxos titores traballen no termo municipal.

Atendendo a isto, a continuación tamén terán prioridade as unidades familiares nas que ambos proxenitores acrediten traballar polas mañás ou ben estar realizando un curso de formación na mesma franxa horaria. Nas bases, que están colgadas no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello, está o formulario de inscrición e os documentos a presentar.

Cómpre recordar que o Concello de Cedeira tamén vai organizar xogos e actividades de lecer no Polideportivo Municipal durante as tardes do periodo de vacacións, así como dúas festas acuáticas na piscina municipal.

Lea también

Cariño conmemora el 25N con actividades varias

El Concello de Cariño conmemorará el 25N, Día Internacional para la Eliminación de la Violencia …