Preto de 800 escolares de Narón e comarca participan no “I Cros escolar Concello de Narón”

O recinto do CPI O Feal acolleu o martes 5 a primeira edición do “Cros escolar Concello de Narón”, no que participaron preto de 800 escolares de oito centros de ensino de Narón e comarca.

O Concello de Narón organiza a convocatoria xunto co Club de Atletismo Narón e tamén colabora na mesma a Xunta de Galicia, a través do programa “Xogade” de campo a través. Os edís de Deportes, Ibán Santalla, e Ensino, Olga Ameneiro, acudiron ao evento e participaron na entrega de diplomas xunto con Miguel Soto, presidente do Club de Atletismo Narón e un representante da administración autonómica.

Os participantes percorreron, en función das categorías, 400 metros, 800, 1.200 ou 1.500, disputándose as de benxamín, alevín, infantil e cadete feminino e masculino, respectivamente. As diferentes probas comezaron a desenvolverse ás 10:50 horas e a última carreira deste cros iniciouse ás 12:25 horas, procedéndose posteriormente á entrega de diplomas a todos os participantes.

A convocatoria coincidiu coa conmemoración do 35 aniversario do Club de Atletismo Narón. Participaron no evento escolares dos colexios CPI do Feal, CPR Ayala e CEIP Piñeiros, de Narón e tamén de Unión Mugardesa, de Mugardos; CEIP A Xunqueira, de Fene, e CPI Ponzos e Juan de Lángara e San Xoán de Filgueira, de Ferrol.

O edil de Deportes destacou a excelente acollida que tivo este evento na súa primeira edición e asegurou que “xa estamos pensando en organizar a segunda”. Santalla, xunto coa edil de Ensino, agradeceu a implicación do Club de Atletismo Narón e tamén do colexio do Feal para desenvolver a proba, valorando tamén a colaboración da administración autonómica.

Lea también

El Baxi Ferrol organiza un viaje para la afición para vivir el derbi gallego en Lugo

El próximo domingo 22 de febrero se verán las caras Durán Maquinaria Ensino y el …