A Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón levará a cabo este mes, os días 13, 19 e 20 de decembro, un ciclo de teatro no Auditorio municipal, na Praza de Galicia.
A alcaldesa da cidade e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, informou que durante esas tres xornadas se poderán ver, de balde, tres espectáculos, que darán comezo ás 20:30 horas.
A primeira das citas será o día 13, cando o alumnado de terceiro curso e Prácticum representará “Dora surrealista”, unha peza de creación colectiva dirixida por Celia González e Laura Sarasola.
Este espectáculo, estreado en xuño deste ano, fala de Dora Maar, unha destacada fotógrafa do surrealismo francés dos anos 30. Ademais dedicouse á fotografía de rúa, ao retrato e á de moda ou publicidade.
Durante moitos anos foi esquecida e relegada a musa de Picasso, pola súa relación persoal con el e a través desta peza poderase coñecer un pouco máis a súa vida e obra, coincidindo por casualidade co 50 aniversario da morte de Pablo Picasso.
A programación do ciclo continuará o día 19 co espectáculo de teatro musical “Terapias alternativas”, escrito e dirixido por Bea García.
Alumnas e alumnos do curso Prácticum representarán esta peza, que trata sobre as facetas máis crueis do ser humano. Fiada entre a sátira e o humor negro, fala da búsqueda e a reafirmación do lado máis escuro do poder e de quen o exerce, a través dun evento de “coaching” persoal ao que son convidadas por un anfitrión moi profesional, persoas das grandes elites mundiais.
Finalmente, o día 20 rematará o ciclo teatral coa representación de “Noite de Reis”, unha versión de Quico Cadaval sobre o texto de Shakespeare dirixido por Celia González e que se estreou en marzo do pasado ano. Será tamén alumnado do curso Prácticum o encargado de subirse ao escenario do Auditorio municipal, neste caso para contar unha historia que tivo lugar no reino de Iliria, onde dous irmáns xemelgos, Viola e Sebastián, acaban separados tras un naufraxio e crendo na morte un do outro.
Desencadearanse unha serie de enredos, mentiras e identidades falsas e personaxes do máis estravagantes que darán como resultado unha das comedias máis divertidas do dramaturgo inglés. Ferreiro destacou que a través deste ciclo de teatro, que se convoca a finais de cada ano, “queremos que a xente poida ver e desfrutar do traballo dos rapaces que acoden á Escola de Formación de Actrices e Actores de Narón, unhas sesenta alumnos, e tamén do gran labor do profesorado”.
A rexedora local animou á cidadanía de Narón e comarca a acudir ás representacións que comezarán a vindeira semana.