O ciclo municipal “Tempo para o Teatro” trae a Neda a obra “Vitória” de Iria Pinheiro

Xa se poden mercar na biblioteca municipal de Neda as entradas para o segundo espectáculo de Tempo para o Teatro. Tras a boa acollida brindada a “Testosterona”, o Concello programa este venres, a partir das 20:30 horas, na Casa da Cultura, a representación de “Vitória”

Trátase dunha peza autobiográfica, protagonizada por Iria Pinheiro, co acoso sexual na industria televisiva como tema central. A obra, co subtítulo “retrato dunha denuncia”, baséase no proceso xudicial que seguiu á denuncia interposta pola recoñecida actriz e dramaturga por acoso sexual e laboral continuado contra o director do programa de televisión no que traballaba.

Apuntan dende a compañía que “Vitória”, cuxo elenco completan Salvador del Río e Victoria Pérez, reconstrúe a historia que vai desde 2017 a 2023, intercalando a documentación xudicial do proceso, que acabou coa absolución do acusado, co xogo e coa ironía propios do cabaré.

A veciñanza que queira asistir á función pode reservar e mercar as súas localidades, ao prezo de 2 euros, na biblioteca municipal (horario, de luns a venres, de 9 a 13 e de 17 a 20 horas). A obra, incluída no programa municipal “Tempo para o teatro”, chega á nosa localidade co 25N á volta da esquina, e co apoio da Rede cultural da Deputación da Coruña.

Lea también

Neda organizará unha visita interpretativa ao muíño do Carrizo na véspera da Festa do Pan

Este mércores abre inscricións na iniciativa, posible grazas á colaboración dos veciños Xavier Pujol e …