A concelleira de Igualdade, María Lorenzo, e o presidente da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, José Manuel González, presentaron a campaña solidaria de recollida de xoguetes que o Concello de Narón e a citada entidade impulsan un ano máis na cidade baixo o lema “Regala sorrisos”. Unha vez máis, habilitarase un prazo de recollida de xoguetes usados e outro para doces de Nadal, co fin de entregarllos ás familias máis vulnerables da cidade.
As persoas que desexen colaborar na entrega de xoguetes, poderán doalos dende este venres, día 1, ata o 20 de decembro. Deberán deixarlos nos centros de ensino de Narón, na Biblioteca central do Alto, nas tres escolas infantís municipais -A Gándara, A Solaina e Piñeiros- o nas instalacións do SPEIS no polígono de Río do Pozo. Os xoguetes deben estar en bo estado, cumprir coa normativa de seguridade e conservar todas as pezas orixinais. No caso de levar pilas, agradécese que se inclúan para poder entregar o xoguete en condicións de funcionar e se son peluches ou bonecos con roupa que estea sucia, é convinte lavalos.
En canto á campaña de recollida de doces de Nadal, desenvolverase dende hoxe ata o 15 de decembro no Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros e no centro de maiores das Vivendas da Mariña, donde se poderán entregar mazapáns, polvoróns, turróns, mantecados e outros doces propios das datas do Nadal.
As familias vulnerables de Narón que queiran recibir algúns dos xoguetes desta campaña deben solicitalo no Rexistro do Concello dende este venres día 1 ata o 22 deste mes. Entre os requisitos que deben cumprir as persoas que se anoten están: ter fillas ou fillos de entre 0 e 14 anos, aos que se entregarán dous xoguetes usados, un novo, un libro e un peluche, en función das existencias. A entrega realizarase os días 3 e 4 de xaneiro nas instalacións do Centro de Recursos Solidarios de Narón, na Gándara, en horario de 16:30 a 19:30.
Para obter máis información pódese contactar coa Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón, a través do teléfono 881 30 83 49 ou 634 555663 – de 10.00 a 13.00 horas- ou o mail crsnaron@gmail.com.
Así mesmo, a través deses teléfonos ou maisl poderanse inscribir aquelas persoas interesadas en colaborar na clasificación do material recibido e no empaquetado dos xoguetes que se entregarán ás familias. Tamén se pode contactar co Servizo Sociocomuntario de Narón, chamando ao número de teléfono 981 337 700 (extensións 1108 e 1109)
A edil naronesa e o representante da Asociación Centro de Recursos Solidarios de Narón agradeceron de antemán a solidariedade das veciñas e veciños da cidade en todas as campañas que se convocan para axudar a persoas vulnerables. Así mesmo, valoraron a colaboración de todos os espazos nos que se realizarán as recollidas para facer posible un ano máis esta campaña e que ningún neno ou nena queden sen agasallos.