José Fonte Sardiña
Conta o sacerdote e profesor de Arqueoloxía, Historia e Patrística no Seminario compostelán, José Couselo Bouzas, que “a munificencia de Rajoy coa súa vila natal non só se refería ás obras que se relacionaban coa relixión e o culto, senón tamén ás que tiñan por obxecto os intereses terreais e o benestar material dos seus habitantes. Esa era a finalidade das lonxas que o prelado determinou edificar en Pontedeume no ano 1763” (tomado e traducido de José Couselo Bouzas: “Galicia artística en el siglo XVIII y primer tercio del XIX”, primeira edición Santiago de Compostela, 1933; edición utilizada, Santiago de Compostela, 2005, p. 566), pero tamén doutras como dúas escolas para nenos e nenas nun edificio que o arcebispo eumés mandara construír a carón do adro parroquial, cuxos mestres serían pagados coa renda das devanditas lonxas (Busto de Rajoy realizado en granito polo escultor Guillermo Feal por encargo do Círculo Filatélico EUME).
O edificio das escolas, que tiña entrada pola rúa da Tafona e daba tamén ao adro parroquial, fora despois utilizado como pequeno hospital e está hoxe de actualidade porque será convertido nun novo albergue de peregrinos que contará con 32 prazas e en cuxa rehabilitación se utilizarán carpintaría de madeira e materiais tradicionais (Proxecto do novo albergue no edificio das antigas escolas edificadas e dotadas por Rajoy).
Esta obra tan necesaria, ademais de aumentar o número de camas en espazos públicos para os peregrinos do Camiño Inglés que decidan aloxarse na vila, servirá tamén para recuperar un edificio que levaba xa demasiados anos nun estado ruinoso e mellorar considerablemente a contorna do templo parroquial que Rajoy mandara reedificar (Edificio das escolas fundadas polo arcebispo Bartolomé Rajoy y Losada).
Dicía tamén Couselo Bouzas que “o propio párroco de Pontedeume, don Tomás Moreira e Montenegro, por mor da orde e facultade do arcebispo, fai, o 28 de setembro dese 1763, un contrato con Ricoy, residente na vila desde máis de catro anos a esta parte, para a edificación de dez lonxas ou bodegas, para nelas fabricar sardiña salgada e outras cousas, na ribeira do mar, fronte á muralla que pecha a horta da excelentísima señora condesa de Lemos [Rosa María Fernández de Castro foi a duodécima condesa de Lemos entre 1741 e 1772, e tamén, xa que logo, condesa de Andrade e Vilalba e marquesa de Sarria. Aínda non existía o edificio do cárcere, construído entre 1853 e 1856] e á torre [o Torreón dos Andrade] pegada ao seu palacio [demolido en 1935]. Cada lonxa (fábrica de fomento e salgadura, que se di hoxe) tería de longo dezaoito varas en oco e oito de ancho. Entre a horta da condesa e a lonxa quedaría un espazo no que caiban dous carros á par [esa é, aproximadamente, a separación que hai actualmente entre os edificios do cárcere e os almacéns]. Pagaría Rajoy por esta obra doce mil reais” (tomado e traducido de José Couselo Bouzas: Op. cit., p. 566) (Debuxo de Villamil de 1849 do peirao, o Torreón e a horta dos Andrade, anterior á construción do edificio do cárcere e á demolición do palacio).
Destacaba así mesmo o Padre Placer que calquera beneficio outorgado por Rajoy a Pontedeume, “fosen escolas, igrexas, liberacións económicas, construcións públicas, etc., redundaba en favor dos mariñeiros, por ser o estamento maior e o máis necesitado.
Así e todo, queréndoos axudar dun xeito particular, mandou construírlles un peirao e dez grandes almacéns, que aínda subsisten, malia que a incuria os arruína [hoxe están ben rehabilitados] máis có tempo. Estes almacéns [pola súa parte de atrás dan precisamente á rúa Frei Gumersindo Placer] rendían polo ano 1769 a cantidade de 5400 reais de billón. Nomeou para a súa administración un eclesiástico, fillo da vila, que se encargaba do arrendo, percepción de alugueres e reparacións necesarias […]. Con eles pagou os salarios dun mestre e unha mestra que ensinarían aos fillos dos mariñeiros nas escolas por el fundadas [o 16 de maio de 1769], nun edificio que para tal fin mandara construír” (tomado e traducido de Gumersindo Placer López: ‘Rajoy y los marineros’, en “III Centenario del Nacimiento de Bartolomé Rajoy y Losada. Arzobispo de Santiago. Pontedeume 1690-1990”, Pontedeume, 1990, p. 37) (Peirao, lonxas e Torreón no lenzo de Abelardo Miguel).
As lonxas de Raxoi, que acollen entre outras cousas un albergue para peregrinos a Santiago de Compostela polo Camiño Inglés, fóronlle encargadas polo arcebispo a Alberto Ricoy, consonte se di no contrato de obra, porque levaba xa catro anos en Pontedeume realizando os traballos de construción das tres torres da fachada da igrexa parroquial que tamén lle foran encomendados polo noso ilustre prelado (Lonxas de Rajoy e actual albergue de peregrinos).
Alberto Ricoy fixo, ademais, na fachada da igrexa parroquial da vila de Pontedeume, os relevos do apóstolo Santiago dacabalo, como miles Christi, e do escudo dos Andrade, coas dezaoito bandeiras da famosa batalla de Seminara ―librada polo conde don Fernando de Andrade e Pérez das Mariñas― e a lenda Ave María (Relevos de Santiago Matamouros e do escudo de Fernando de Andrade mandados facer por Rajoy a Ricoy na fachada do templo parroquial de Pontedeume).
Hai quen afirma que a torre esquerda da igrexa parroquial se dispón un chisco inclinada por expreso desexo de Alberto Ricoy, que a fixo con este pequeno defecto porque estaba enfadado co arcebispo Rajoy pola demora no pagamento das obras. Así e todo, contan tamén en Pontedeume que as tres torres da igrexa parroquial simbolizan as cruces nas que Xesús Cristo e os dous ladróns foron executados, e que a lixeira inclinación da torre esquerda é debida a que representa a Xestas, o ladrón que non se arrepentiu. Na iconografía cristiá, o lado esquerdo simboliza o mal, por iso nos di Castelao que “nos cruceiros galegos e bretóns endexamáis se vé o crucifixo con catro cravos, senón con tres, ao xeito renacentista, coa particularidade de que sempre, sempre, o pé dereito sobremonta o esquerdo” (Castelao: “As cruces de pedra na Galiza”, primeira edición Buenos Aires, 1950, citado por Galaxia, Vigo, 1984, p. 151) (Torres da igrexa parroquial de Pontedeume mandadas facer por Rajoy a Ricoy).
Esta idea de que as tres torres da igrexa parroquial de Pontedeume representan as cruces do monte Calvario tamén foi albiscada por Ramiro Fonte en “Os meus ollos”, cando narra o regreso da procesión do Encontro ao templo nas mañás dos Venres Santos: “Ritmo de palitroques. Os monagos arrastran dous longos ríos de xente ben medrados.
Soben pola rúa Real, acompañando as imaxes. O Paso volve soar como unha música de réquiem. Hai quen verá nas torres da nosa igrexa as tres cruces chantadas nun espido outeiriño de Xerusalén. Maldito Poncio Pilatos” (Ramiro Fonte: “Os meus ollos”, Vigo, 2003, p. 219).