A Área Sanitaria de Ferrol e Manresa, son os dous centros escollidos en España para desenvolver o proxecto europeo PRAISE-U

A Área Sanitaria de Ferrol, xunto con Manresa, son os dous centros escollidos en España para o desenvolvemento do proxecto proxecto europeo PRAISE-U (Prostate cancer Awareness and Initiative for Screening in the European Union), que ten por obxectivo avanzar na detección temperá do cancro de próstata, para reducir a morbilidade e a mortalidade que derivan desta enfermidade.  Integrado no programa EU4Health, o proxecto contará coa participación dun equipo multidisciplinar composto por médicos e investigadores de 25 institucións, pertencentes a 12 países membros.

Así, entre os obxectivos principais do consorcio, atópanse o deseñar un algoritmo de detección temperá rendible e personalizado para a detección deste tipo de cancro na Unión Europea, ademais de estimular a implementación de programas de detección precoz nos Estados membro. Nesta liña, o feito de conxugar os protocolos e as directrices empregadas polos diferente países participantes permitirá recompilar e a analizar os seus datos máis relevantes, unhas achegas que contribuirán a evitar casos de sobrediagnóstico e sobretratamento.

Trátase de coñecer cal é a poboación diana e as probas médicas máis axeitadas para o desenvolvemento dos cribados más eficaces e precisos. A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, terá un papel protagonista no apartado vencellado á posta en marcha dun programa que pilotará a aplicación do algoritmo deseñado no proxecto para o cribado de cancro de próstata.

Profesionais da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia, da Axencia Internacional para a Investigación do Cancro (IARC), e da Asociación Europea de Uroloxía desprazábanse esta semana á Área ferrolá para pechar distintos aspectos e valorar conxuntamente indicadores relacionados con este proxecto piloto de cribado. O axuste ás necesidades do estudo, o perfil clínico, o equipamento da Área, e a calidade das investigacións neste eido do cancro de próstata da Área ferrolá, fan que esta Área sexa candidata a participar neste proxecto europeo.

Estaban presentes na reunión o xefe do Servizo de Programas Poboacionais de Cribado, Ángel Gómez Amorín , xunto con dúas técnicas do seu Servizo, Marina Tarrazo e Montse Corujo. Por parte da Área Sanitaria de Ferrol, estaba a directora de Procesos de Soporte, Rocío Vílchez Simó; e o responsable do Servizo de Uroloxía do CHUF, Andrés Rodríguez Alonso.

Así, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade enviará inicialmente entre 10.000 e 12.000 invitacións para participar ós homes da Área Sanitaria ferrolá entre 50 e 70 anos. Estímase que sexa a partir de abril do vindeiro ano. De xeito sinxelo, cunha analítica, valorarase a presenza de marcadores tumorais. Conséguese así un dobre obxectivo, coñecer o perfil de afectación e a quen hai que dirixir os futuros cribados; e, no caso de se detectar estes valores alterados, ese home pasará directamente ás consultas de Uroloxía para o diagnóstico e tratamentos oportunos.

PRAISE-U, un proxecto europeo multidesciplinar
O cancro de próstata é unha das patoloxías con maior mortalidade entre os homes do norte e o oeste de Europa, sendo o cancro masculino máis frecuente no continente, cunha media anual de diagnoses próxima ás 450.000.

Segundo indican dende a Consellería de Sanidade, nas últimas décadas, diferentes estudos demostraron que a realización reiterada de exames de detección contribúen dun xeito significativo a atallar o desenvolvemento desta enfermidade. O atraso no diagnóstico pode conducir a taxas máis altas de metástase, un estado da enfermidade que coincide cunha maior mortalidade, así como cun impacto negativo prolongado na calidade de vida dos pacientes. Sin embargo, a proba primaria (PSA) é moi sensible e provoca un elevado número de falsos positivos, o que conleva un volume non despreciable de sobrediagnóstico e sobretratamento, efectos non desexados nos programas de cribado.

O proxecto PRAISE-U será levado a cabo por un consorcio integrado por expertos académicos, profesionais da saúde, científicos, economistas e asociacións de pacientes de diferentes países membro. Así, fica estruturado de acordo a seis eixos de traballo. As catro liñas principais de traballo están deseñadas para recompilar coñecemento; desenvolver protocolos para os programas de detección; realizar pilotaxes cos protocolos desenvolvidos e, finalmente, avaliar os resultados obtidos.

Ademais, conta con outros dous apartados xerais, destinados a proporcionar un marco para todo o proxecto, e que inclúen as tarefas de coordinación e difusión dos resultados. Cada unha destas liñas de traballo basearase na anterior, e, en conxunto, contribuirán ao obxectivo final de desenvolver unha estratexia que reduza o sobrediagnóstico e sobretratamento e teña un impacto favorable na morbilidade e a mortalidade por cancro de próstata.

Lea también

El alcalde de Ferrol trata con la nueva comisaria de la Policía Nacional la pelea del pasado sábado en San Xoan

Desde hace varios días estaba marcada en la agenda del alcalde de Ferrol, José Manuel …